A Xunta destina case 300.000 euros a actuacións de mellora enerxética no edificio da Audiencia Provincial de Lugo

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe os traballos nesta sede xudicial

As obras baseáronse na instalación de iluminación LED e na mellora do illamento térmico coa reparación da carpintería exterior e a colocación de xanelas interiores

Juan José Martín indicou tamén que está previsto un investimento de 30.000 euros para habilitar catros salas de espera do edificio dos Xulgados

Lugo, 4 de febreiro de 2020

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, comprobou hoxe as melloras en eficiencia enerxética levadas a cabo no edificio da Audiencia Provincial de Lugo, nas que a Xunta investiu case 300.000 euros. As actuacións enmárcanse no Plan de Eficiencia Enerxética do Goberno galego para implantar nos edificios xudiciais da comunidade, que conta cun orzamento de máis de seis millóns de euros.

Juan José Martín explicou que, no marco deste proxecto, os traballos incluíron unha actuación integral no edificio con medidas como a substitución de 953 luminarias fluorescentes e haloxenas por lámpadas de tecnoloxía LED. Coa instalación das lámpadas LED estímase un aforro enerxético de case un 20%, o que supón un aforro anual de 4.300 euros. No que se refire á colocación das novas fiestras e á reparación das existentes, o aforro enerxético en climatización acada o 5%.

O director xeral de Xustiza indicou tamén que está previsto un investimento de 30.000 euros para habilitar catro salas de espera, nas plantas 1ª, 2ª, 3ª e 4ª do edificio dos Xulgados coa finalidade que poidan esperar as vítimas ou outros usuarios que acudan aos distintos órganos xudiciais de Lugo.

Tamén se reparou a carpintería exterior de madeira e instalouse nova carpintería de aluminio con dobre acristalamento na parte interior das xanelas para mellorar o illamento térmico e a estanquiedade. Ademais, colocáronse 119 xanelas adicionais.

A Xunta conta co Plan de mellora enerxética dos edificios xudiciais, dotado con máis de seis millóns de euros e que está cofinanciado con fondos FEDER da Unión Europea. Con este Plan, a Administración autonómica leva a cabo medidas destinadas a reducir a produción de enerxía a través da mellora dos sistemas de iluminación con novas lámpadas de baixo consumo e reguladores de iluminación; mediante sistemas de calefacción e climatización máis eficientes como as caldeiras con biomasa; ou actuando na envolvente dos edificios, sobre todo na mellora do illamento das cubertas, fachadas e fiestras.

Imaxes relacionadas