Alfonso Rueda sinala a importancia da colaboración transfronteiriza para compartir e optimizar recursos que potencien a innovación e o crecemento económico de ambas rexións

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na presentación do Laboratorio Tranfronteirizo de Biotecnoloxía Mariña que forma parte do proxecto Bluebiolab que se está a levar a cabo no marco do programa POCTEP

A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal captou un total de 131 millóns de euros no periodo 2014-2020 deste programa para executar 80 proxectos

Vigo, 4 de febreiro de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o compromiso da Xunta coa cooperación transfronteiriza na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e incidiu na importancia de manter esta colaboración que permite compartir e optimizar recursos, ao mesmo tempo que se avanza na creación dun espazo común que potencia a innovación e o crecemento económico.

Así o expuxo durante a súa intervención na presentación do Laboratorio Transfronteirizo de Biotecnoloxía Mariña, que forma parte do proxecto Bluebiolab, coordinado polo Campus do Mar da Universidade de Vigo. A iniciativa estase a levar a cabo no marco da segunda convocatoria do programa de cooperación transfronteiriza Interreg VA España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, e está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Á presentación acudiu tamén o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o director do Campus do Mar, Daniel Rey.

Alfonso Rueda sinalou a necesidade de promocionar proxectos de I+D+i como o Bluebiolab para que a Eurorrexión poida avanzar na transferencia ao sector productivo dos avances acadados na innovación. Nesta liña, indicou que este Laboratorio é un exemplo de colaboración científica de excelencia no ámbito da biotecnoloxía mariña e comparte retos da cooperación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal como a captación de talento investigador, a internacionalización das actividades da Eurorrexión e a coordinación de investimentos a favor dos cidadáns.

A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal continúa a ser unha das rexións transfronteirizas máis activas na captación de fondos, de forma que no marco do programa POCTEP
2014-2020, conseguiu 131 millóns de euros para financiar un total de 80 proxectos, 45 deles na primeira convocatoria e os 35 restantes na segunda.

Os proxectos do POCTEP apostan polo crecemento económico actuando, a través da cooperación transfronteiriza, en cinco eixos: o impulso da investigación e a innovación; o fomento da competitividade das pequenas e medianas empresas; a adaptación ao cambio climático en todos os sectores; a prevención de riscos e a protección dos recursos naturais; así como a mellora da capacidade institucional e da eficiencia da administración pública.

Imaxes relacionadas