A Xunta impulsa con preto de 1,5M€ cinco proxectos de eficiencia enerxética e de renovables na Universidade de Santiago

As actuacións permitirán un aforro anual de enerxía equivalente ao consumo de 450 fogares, cunha redución na factura de 152.000 euros ao ano

Desenvolveranse nas facultades de Económicas e Psicoloxía, na Residencia Universitaria Burgo das Nacións e na piscina universitaria de Santiago, así como no Edificio Intercentros do Campus de Lugo

En total, a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 5,9M€ a 18 proxectos de eficiencia e impulso das renovables nas universidades galegas

O obxectivo é seguir avanzando na cultura do aforro enerxético e no obxectivo de contar cunha Galicia máis verde

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2020.- A Universidade de Santiago de Compostela (USC) desenvolverá un total de cinco proxectos grazas ás axudas promovidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para impulsar iniciativas en materia de aforro e renovables nas universidades galegas.

En concreto, a USC obtén un apoio de 1,465 millóns de euros, grazas ao cal verán mellorada a súa eficiencia enerxética as facultades de Ciencias Económicas e Empresariais e Psicoloxía e a residencia universitaria Burgo das Nacións, en Santiago; e o edificio intercentros do campus de Lugo. Ademais, desenvolverase un proxecto de enerxías renovables na piscina universitaria de Santiago, onde se instalarán paneis solares. Estas actuacións, cun investimento total de 1,83 millóns de euros, permitirán á Universidade un aforro enerxético anual de 152.000 euros –o equivalente ao consumo de 450 fogares. Ademais evitarase a emisión de máis de 1.115 toneladas de CO2 ao ano e crearanse 13 postos de traballo.

Destaca o proxecto que se vai desenvolver na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago, que, cun investimento de preto de 400.000 euros, consistirá no cambio do sistema de iluminación coa implantación de 400 puntos de luz led, o cambio de caldeiras de gasóleo por caldeiras de gas de alta eficiencia e a mellora do sistema de control.

En total, a nivel autonómico, a Xunta destina 5,9 millóns de euros ao conxunto das universidades galegas para o impulso de 18 proxectos -16 de aforro e eficiencia enerxética e 2 de enerxías renovables- que permitirán rebaixar a factura eléctrica anual en 640.000 euros. Con esta nova medida, o Goberno galego continúa a súa aposta polas enerxías renovables e por implantar unha cultura do aforro enerxético en todos os eidos, desde os cidadáns, ás empresas, pasando polas administracións, co obxectivo de contar cunha Galicia máis verde. As axudas enmárcanse no Plan de aforro e eficiencia enerxética da administración pública 2015-2020 e está aliñada coas Directrices Enerxéticas de Galicia.

Imaxes relacionadas