A Xunta destaca en Bueu a especialización dos mozos galegos como unha das claves para avanzar cara a Industria 4.0

O director do Igape, Juan Cividanes, visita as instalacións de Corvus Belli, que aposta por incorporar novos titulados para desenvolver proxectos de mellora e avanzar en internacionalización

Informa da nova convocatoria de axudas do programa Maquinaria 4.0, unha das novas liñas activadas en 2020 no marco da Axenda Industria 4.0

Bueu (Pontevedra), 11 de febreiro de 2020

O director do Igape, Juan Cividanes, destacou hoxe en Bueu, durante a visita ás instalacións da compañía Corvus Belli, que a especialización profesional dos mozos e mozas de Galicia é unha das claves para avanzar cara a Industria 4.0, sinalando que a empresa pontevedresa é unha das pemes que están a desenvolver proxectos de mellora ao abeiro do novo programa Profesionais 4.0, destinado a promover a contratación de titulados universitarios e de técnicos superiores en FP de ata 35 anos.

O director do Igape puxo de relevo ademais o esforzo de Corvus Belli por incrementar a súa presenza nos mercados exteriores. A empresa pontevedresa, dedicada desde hai máis de 18 anos ao deseño e creación de xogos e a fabricación de miniaturas, desenvolverá un proxecto de mellora da súa presenza internacional, ao tempo que leva a cabo o proceso de reedición do seu xogo máis icónico, o Infinity, un xogo de miniaturas que simula combates futuristas nunha contorna de ciencia-ficción. Corvus Belli conta na actualidade cunha comunidade activa de máis 20.000 xogadores e xogadoras de todo o mundo, que reciben soporte continuo da compañía a través de diferentes canles de comunicación.

Tal e como informou o director do Igape durante a visita, no eido da Industria 4.0 a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar a convocatoria de axudas da nova liña Maquinaria 4.0, dotada con 2 millóns de euros ata 2021 para incentivar aos fabricantes de bens de equipo e maquinaria a desenvolver produtos que dean resposta a necesidades concretas do sector e que permitirá reforzar a estandarización neste ámbito produtivo e facilitar a compra local, nacional e internacional de tecnoloxía xerada en Galicia.

Ata o 7 de abril, empresas e agrupacións empresariais que se constitúan con este obxectivo poderán presentar as súas propostas para os cinco retos definidos a partir da análise das necesidades detectadas na consulta realizada polo Igape ao tecido produtivo galego a finais do pasado ano.

Estes retos inclúen a posta en marcha dun sistema en liña para a inspección na fabricación de automóbiles, así como outro para a análise dos parámetros nutricionais na conserva de atún; o desenvolvemento dunha prensa de embutir para a fabricación de envases, tamén na industria conserveira; a achega dunha solución de loxística circular para o envase de froita; e o deseño e construción dunha máquina para inxección de plástico. As empresas e agrupacións empresariais Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime), Conservas Selectas de Galicia, Kiwi Atlántico, Tromosa e Frinsa son as entidades tractoras que poñerán en marcha as solucións seleccionadas.

Entre outros, os apoios achegados a cada iniciativa polo programa poderán acadar do 50 ao 60% dos investimentos en desenvolvemento tecnolóxico, o 50% dos destinados á innovación e o 70% dos dirixidos a fins comerciais.

Imaxes relacionadas