A Xunta participa na constitución da mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero de Valga

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, indicou a importancia da coordinación entre todos os axentes implicados na loita contra a violencia de xénero a nivel municipal

Valga (Pontevedra), 12 de febreiro de 2020

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu hoxe á reunión da mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero do concello de Valga.

López Abella destacou que un dos obxectivos principais destas mesas é procurar unha maior eficiencia e coordinación de todos os axentes implicados na loita contra a violencia de xénero a nivel municipal. Nesta liña, indicou que é competencia dos poderes públicos establecer medidas de sensibilización, asesoramento, atención e protección das vítimas procurando os medios efectivos e axeitados a cada caso. Por tanto, resulta fundamental coordinar todos os recursos dispoñibles para garantir unha mellor atención, así como sensibilizara toda a sociedade na prevención e na erradicación desta lacra.

No que se refire aos seus obxectivos específicos, as Mesas Locais de Coordinación perseguen a mellora da detección precoz de casos de violencia de xénero; optimizar a coordinación dos axentes implicados na loita contra a violencia de xénero; ofrecer unha atención e unha resposta áxil ás vítimas de violencia; mellorar a protección ás vítimas de alto risco; e informar e sensibilizar na materia tanto a profesionais como á poboación en xeral.

Por iso, no transcurso da reunión desta mañá, abordáronse entre outras cuestións os obxectivos e funcións deste organismo e as actuacións que se desenvolverán de cara á mellora da coordinación.

Imaxes relacionadas