Hidroléctrica de Silleda traslada a Cores Tourís a posta en marcha de melloras enerxéticas no Deza por máis de 3 millóns de euros

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra mantivo unha reunión cos representantes da empresa, que destacaron a posta en marcha este ano de obras para mellorar unha liña de alta tensión e unha subestación eléctrica

Destacou a labor deste tipo de empresas que colaboran en potenciar o subministro eléctrico nas parroquias dignificando así a vida no rural

Silleda (Pontevedra), 18 de febreiro de 2020

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo hoxe unha reunión coa empresa Eléctrica de Silleda e o xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial Santomé, onde a xerente da firma, Cristina Sánchez Conde, destacou os 3 millóns de euros que destinarán este ano a execución de melloras na comarca do Deza.

Esta firma silledense, en estreita colaboración coa Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, continuará a intensificar no presente ano os seus investimentos, especialmente destinados a mellora dunha liña de alta tensión e unha subestación eléctrica, para o que xa solicitou informe favorable no plan de investimentos que autoriza a Consellería de Economía.

A eléctrica de Silleda realizará un investimento de tres millóns de euros para mellorar a calidade de subministro da súa zona e estar en disposición de atender as demandas futuras de enerxía na súa zona de distribución.

A actuación consiste na construción dunha nova liña de alta tensión de 66 Kv dende a Subestación de Fenosa en Cira ata a nova subestación que se construirá en Silleda.

Hidroeléctrica de Silleda pretende iniciar a construción de maneira inmediata para poder ter en servizo as instalación para o ano 2021. Coa creación desta infraestrutura independizaránse as súas liñas das de Unión Fenosa Distribución, co obxectivo de que as incidencias que se puideran producir nas instalacións de Fenosa non se trasladen aos clientes de Hidroeléctrica de Silleda e dispoñer de capacidade eléctrica suficiente para atender as demandas futuras de enerxía na súa zona de distribución.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, destacou “a boa labor” desenrolada por Électrica de Silleda, matizando que “dende a administración autonómica queremos apostar por dignificar e mellorar a vida no rural, por eso seguimos a apoiar a este tipo de empresas que colaboran en potenciar o subministro eléctrico mediante investimentos nas parroquias dos distintos concellos”. De feito, engadiu que o investimento en infraestruturas enerxéticas mellora a calidade do subministro e constitúe un elemento diferencial e fundamental para a implantación empresarial nas zonas do rural do interior da provincia.

“Non podemos esquecer que esta firma, en estreita colaboración coa Xefatura Territorial de Economía e Industria, veu executando distintas obras de desenvolvemento das infraestruturas eléctricas da zona directamente encamiñadas á mellora da calidade do subministro eléctrico, ata superar os 2,5 millóns de euros nos últimos dez anos”, explicou o delegado territorial.