O conselleiro do Medio Rural supervisa os traballos de limpeza e recuperación na aldea modelo ourensá de Infesta, en Monterrei

A visita prodúcese un día despois de que se aprobasen cinco novas aldeas modelo, co que xa son 11 as declaradas ata o momento en toda Galicia

Tres delas encóntranse na provincia de Lugo e as outras oito na de Ourense, ao igual que o proxecto piloto de polígono agrario ao que se lle deu onte luz verde

Monterrei (Ourense), 21 de febreiro de 2020

O conselleiro do Medio Rural, José González, supervisou hoxe os traballos de limpeza e recuperación que se están levando a cabo na aldea modelo de Infesta, no concello ourensán de Monterrei. Fíxoo un día despois de que o Consello Reitor da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) aprobase a declaración de cinco novas aldeas modelo e dun proxecto piloto de polígono agrario en Galicia.

Na visita o conselleiro destacou que na aldea modelo de Infesta se actuará nunha superficie de máis de 40 hectáreas, distribuídas en 945 parcelas. Puxo de relevo que se logrou o acordo dun total de 234 propietarios para poñer en valor estas terras e fomentar a produción de froitos. Así mesmo, unha vez se acometan todos os traballos de limpeza, estudarase tamén a posibilidade de retomar a produción de viñedo nunha zona na que este cultivo ten tradición.

José González salientou que onte mesmo se elevou a 11 o número de aldeas modelo declaradas ata o momento na comunidade, oito das cales se sitúan na provincia de Ourense. Á de Infesta en Monterrei súmanse a de Reboredo, en Pereiro de Aguiar; a de Xacebáns, en Quintela de Leirado; a de Trelle, en Toén e a de Osmo, en Cenlle. Tamén a aldea modelo de Penedo, en Boborás; a de Trabazón, no Irixo e a de Muimenta, en Carballeda de Avia.

A maiores, o conselleiro do Medio Rural sinalou que o Consello extraordinario de Agader deu onte luz verde a un novo proxecto piloto de polígono agrario. Suporá recuperar en Remuíño, no concello ourensán da Arnoia, un total de 43,64 hectáreas repartidas en 1481 parcelas de 276 propietarios.

En total, entre as 11 aldeas modelo declaradas e o novo proxecto piloto de mobilización de terras actuarase nunha superficie de máis de 300 hectáreas, correspondentes a máis de 7000 parcelas duns 1500 propietarios.

O obxectivo de todo este traballo que está a promover a Xunta é o de recuperar e poñer en valor a terra agraria galega e, ao tempo, anticiparse aos incendios forestais, creando unha devasa natural fronte a eles.

Imaxes relacionadas