Ethel Vázquez informa do inicio hoxe da información pública do proxecto de prolongación da autovía da Costa da Morte ata a estrada de Camariñas

Vázquez Mourelle indica que os interesados poderán presentar achegas para mellorar o proxecto ata o vindeiro 7 de abril

Precisa que posteriormente se analizarán e incorporarán as alegacións que correspondan para aprobar o proxecto e iniciar a contratación das obras

Destaca que se trata dun treito de 6 km que lle dá continuidade á autovía da Costa da Morte que dende 2016 conecta Carballo e Santa Irena, no límite de Vimianzo

Subliña que este tramo, que contará con dous carrís, quedará preparado para a súa futura conversión en autovía cando os tráficos o indiquen
 

Cabana de Bergantiños (A Coruña), 21 de febreiro de 2020.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou do inicio hoxe da información pública do proxecto para continuar a VAP da Costa da Morte ata a estrada de Camariñas, que contará cun investimento autonómico de 28,7 millóns de euros.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, explicou este proxecto cuxo procedemento de información pública se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia.

Precisou que os interesados que o desexen poderán consultar a información e presentar as súas achegas e suxestións de mellora ata o vindeiro 7 de abril. Posteriormente, engadiu que se analizarán e se incorporarán as alegacións que correspondan para aprobar o proxecto e iniciar a contratación das obras.

Destaca que este treito lle dá continuidade á autovía da Costa da Morte que, con 27 km, conecta dende 2016 os núcleos de Carballo e Santa Irena, no límite municipal de Vimianzo.

Trátase de preto de 6 km de vía para automóbiles de dous carrís, preparada para a súa futura conversión en autovía cando os tráficos o indiquen. Para facilitalo, tanto as estruturas, como as expropiacións e os movementos de terras xa se farán prevendo esta ampliación.

Detallou que neste tramo resultan necesarias 18 estruturas entre enlaces, viadutos, pasos superiores e inferiores, o que isto significa que cada 300 metros haberá unha estrutura destas características.

Concretou que esta solución resulta necesaria dende o punto de vista técnico para garantir unha boa integración no territorio.

Ademais destacou que este novo treito da VAP da Costa da Morte prevé un enlace próximo ao polígono de Vimianzo e unha estrada directa lle beneficiaría moito.

Subliñou que a Xunta, conscientes da vantaxes desta opción, realizou un estudo de viabilidade sobre a construción dese ramal, que concluíu que era viable tecnicamente. Así, indicou que a construción desta estrada lle corresponde á administración promotora do parque empresarial, que é a Administración Xeral do Estado.

A este respecto, apuntou que en canto o proxecto de prolongación da VAP estea aprobado, se remitirá toda a documentación técnica ao Goberno de España para que poidan redactar un proxecto e construír o enlace.
 

Imaxes relacionadas