A Xunta difunde esta fin de semana a oferta turística galega en Navarra dentro do seu calendario de promoción nacional

Galicia preséntase na feira Navartur de Pamplona onde Turismo de Galicia conta cun recinto de 48 metros cadrados

Segundo o Instituto Nacional de Estatística, o número de viaxeiros españois incrementouse en 2019 un 6,6% acadando récord histórico
 

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2019

O labor de promoción turística da Xunta leva esta fin de semana a oferta turística galega xeral á feira Navartur, que se celebra na cidade de Pamplona. Un ano máis, Turismo de Galicia promove o noso destino neste certame dedicado a profesionais e ao público xeral, como plataforma para a captación de fluxos turísticos navarros dada a importancia deste certame no ámbito da comunidade foral.

Pola afluencia de público, Navartur é a principal cita turística de Navarra, e ademais da área de exposición, conta con distintas actividades divulgativas relacionadas co turismo. Nesta ocasión, o departamento de Turismo da Xunta participa cun expositor de 48 metros cadrados que difunde a oferta galega e o Camiño de Santiago, un dos produtos máis demandados nesta feira ao ser esta unha Comunidade de paso do Camiño Francés.

Turismo ornitolóxico

Dentro do calendario de promoción previsto, a Xunta participará tamén a vindeira fin de semana por décimo ano consecutivo na Feira Internacional de Ornitoloxía, FIO, o certame do turismo ornitolóxico máis importante de España, que se celebrará no Parque nacional de Monfragüe.

Nesta ocasión, Turismo de Galicia instalará un stand modular no que os visitantes e profesionais que se acheguen ata o Parque Nacional de Monfragüe poderán coñecer os 61 espazos de alto interese ornitolóxico identificados en Galicia e distribuídos por toda a súa xeografía. Organizado pola Junta de Extremadura, o certame FIO está considerado como o máis importante do seu xénero no sur de Europa é constitúe unha cita obrigada para todos os especialistas e afeccionados á ornitoloxía en España.

Coa presenza nestes dous certames a Xunta de Galicia continúa reforzando a súa presenza en mercados especializados e tamén de ámbito nacional. De feito, o Instituto Nacional de Estatística (INE) indica que o sector turístico galego aloxou en 2019 un 6,6% máis de viaxeiros, acadando os rexistros máis altos da súa historia.
 

Imaxes relacionadas