A Xunta publica no DOG as expropiacións para a mellora da entrada do Camiño Portugués en Santiago, ao seu paso pola Rúa Escurridía e a Ponte Vella

Esta actuación dispón dun investimento de preto de 245.000 euros, no que se inclúe o pagamento dos terreos necesarios para executar esta actuación en Conxo

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé licitar as obras nas vindeiras semanas e o obxectivo e telas rematadas nesta ano 2020

Trátase de reordenar o cruce da rúa da Escurridía coa da Ponte da Rocha e a rúa Volta do Castro, mellorando o tránsito e a seguridade dos peregrinos e peóns

Con esta nova intervención prolongarase cara á ponte da Rocha Vella o ámbito das actuacións que se están a executarse en Conxo, onde proximamente comezarán as obras do aparcadoiro en superficie no contorno do centro de saúde

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o decreto polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para executar o proxecto de mellora da entrada do Camiño Portugués en Santiago, no treito entre a rúa Escurridía e a Ponte Vella, no barrio de Conxo.
O orzamento autonómico destinado a esta actuación acada os a preto de 245.000 euros, no que se inclúe o pagamento das expropiacións das 8 fincas necesarias para esta actuación.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé a licitación das obras nas vindeiras semanas. As obras contan cun prazo de execución de 3 meses, e o obxectivo é telas rematadas neste ano 2020.
No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: http://bit.ly/2vgbRUr.
Este proxecto ten por obxecto buscar unha visión integral do Camiño de Santiago como fenómeno patrimonial, cultural e territorial único, independentemente dos diferentes itinerarios que conflúen no centro histórico compostelán. Neste trazado, trátase de reordenar o cruce da rúa da Escurridía coa rúa da Ponte da Rocha e a rúa Volta do Castro, mellorando o tránsito e a seguridade dos peregrinos e peóns.
As principais actuacións previstas inclúen, a separación clara de espazos exclusivos para peóns do resto do tráfico rodado, a reordenación do cruce da Rúa da Volta do Castro con espazos de uso mixto, e a ordenación renovada e humanización das seccións viarias existentes. Tamén a definición de elementos como pavimentación ou mobiliario.
Ao longo de toda a actuación intentarase manter unha sección mínima de ancho suficiente para a separación do tránsito peonil do rodado. Nos casos de non ser posible nalgúns dos treitos, seguirase o criterio de plataforma compartida, reparándose o firme pero sempre dándolle prioridade ao viandante e elevando o nivel das zonas peonís.
Nos treitos onde sexa posible, ampliarase a plataforma, permitindo xerar pequenos espazos de estancia que serán humanizados con elementos de arborado ou mobiliario urbano.
No cruce entre a rúa da Volta do Castro coa rúa da Ponte da Rocha manterase o trazado actual, e executarase un paso elevado en formigón para paso de peóns e peregrinos. Isto farase con ramplas no comezo e final desta zona para controlar a velocidade de circulación dos vehículos na intersección e reforzar a predominancia do peón.
Con esta nova intervención prolongarase cara á ponte da Rocha Vella o ámbito das actuacións que están xa en plena execución en Conxo, e que se corresponde coas obras no núcleo de Torrente, a rúa Benéfica e a praza do Campo de Conxo. Ás que se engadirá o aparcadoiro en superficie situado no contorno do centro de saúde, cuxa obra está xa adxudicada, e próxima a iniciarse.