A Xunta remite unha nova consulta ao Goberno central para que determine a reapertura ou o mantemento do peche dos mercados locais para a venda exclusiva de produtos agroalimentarios

Faise tendo en conta a finalización do período que regulaba o permiso retribuído recuperable para as persoas traballadoras por conta allea que non prestasen servizos esenciais

Tamén se busca garantir o principio de igualdade nesta materia co resto de comunidade autónomas e afianzar unha correcta coordinación coa Administración General del Estado
 

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2020

A Xunta remitiu unha nova consulta ao Goberno central sobre a posibilidade de reabrir os mercados locais celebrados ao aire libre para a venda exclusiva de produtos agroalimentarios, tendo en conta que xa rematou o período que regulaba o permiso retribuído recuperable para as persoas traballadoras por conta allea que non prestasen servizos esenciais.

A consulta elevouse hoxe mesmo ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, ao de Sanidade e á Delegación do Goberno en Galicia para saber como se debía proceder tras o 9 de abril, data na que finalizaba o endurecemento do estado de alarma coa paralización de toda actividade non esencial.

Deste xeito, a Xunta efectuou esta nova consulta para a mellor coordinación coa Administración General del Estado e coas restantes comunidades autónomas, co fin de garantir o principio de igualdade, así como a adecuada interpretación do corpo normativo ditado en sede do Estado de alarma polo Covid-19.

Cómpre sinalar que na orde publicada o pasado 24 de marzo pola Consellería do Medio Rural sobre as condicións da actividade agrogandeira durante a emerxencia sanitaria polo coronavirus xa se establecían unha serie de normas específicas ante a posibilidade de reapertura destes mercados tradicionais, unha vez permitida esta actividade polo Goberno central e sempre naqueles concellos que así o aproben, posto que os mercados son competencia municipal.

Neste senso, no caso de que o Estado autorizase a súa reapertura e de que os concellos a aprobasen, a venda directa nestes mercados limitaríase única e exclusivamente a produtos agrícolas e gandeiros do sector da alimentación e produtos perecedoiros. Así mesmo, contemplaríanse unha serie de medidas tales como que os postos deberán atoparse separados por unha vía de tránsito e cunha distancia mínima entre eles de 6 metros, permitíndose unha separación mínima de 4 metros entre os laterais. Como forma de instalación dos postos na superficie do mercado, recoméndase unha disposición ao tresbolillo (en forma de triángulo equilátero, evitando que un punto de venda estea enfrontado a outro).

Dentro dun mesmo posto as persoas vendedoras deberán gardar entre si unha distancia mínima de 2 metros, quedando restrinxida a actividade comercial a un único operador no caso de que as medidas do posto non fagan posible esta separación física.

Nova canle de distribución

Todas estas medidas poderíanse levar a cabo sempre que o Goberno central autorice a reapertura destes mercados tradicionais. Entre tanto, a Xunta creou a rede “Mercaproximidade”, unha canle alternativa de comercialización concibida para os produtos agroalimentarios galegos que viron reducidas as súas vendas por mor do peche da hostalaría e tamén dos mercados municipais durante a emerxencia sanitaria.

Deste xeito, poderán acollerse á iniciativa en calidade de provedores os produtores de froitas e hortalizas, os produtores de mel e produtos apícolas, así como os gandeiros de vacún, porcino, ovino e caprino, entre outros. Tamén poderán incorporarse á rede as industrias de transformación de produtos agrogandeiros inscritas no Rexistro de industrias agrarias.

Desde a súa posta en marcha xa se sumaron a esta orde grandes cadeas de distribución tales como Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski -a través dos establecementos Eroski e Familia-, Carrefour, El Corte Inglés, Grupo Cuevas –a través da súa rede de supermercados Plenus-, Lidl e Alcampo. Non obstante, a iniciativa segue aberta a todas aquelas cadeas, empresas de subministración de colectividades e plataformas online que desexen sumarse, co obxecto de axudar aos agricultores e gandeiros galegos durante a emerxencia sanitaria.