A Xunta fará entrega hoxe de 2.000 tarros de mel ao Banco de Alimentos de Lugo que se suman ás doazóns desta semana aos hospitais da provincia

No marco da rede Mercaproximidade, tamén se cederon estes días queixos, patacas ou carne á sede de Cáritas en Lugo para atender as familias máis vulnerables durante a emerxencia sanitaria

Máis aló da provincia lucense, a Xunta está a repartir diversos produtos agroalimentarios entre os hospitais galegos, e noutras entidades e comedores sociais repartidos por toda a comunidade

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2020.- A Consellería do Medio Rural entrega hoxe ao Banco de Alimentos de Lugo un total de 2.000 tarros de mel comprados ao abeiro da rede Mercaproximidade para abastecer as familias máis vulnerables durante a situación de emerxencia sanitaria por mor do coronavirus. A doazón súmase aos 2.000 queixos que xa lle entregou o Goberno galego á entidade luguesa este martes, e ás 100 toneladas de patacas que lle cedeu a semana pasada para distribuír nas sedes de Cáritas de toda España. A esta cantidade hai que engadir, ademais, outras 30 toneladas de tubérculo cedidas de xeito desinteresado por un produtor da Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal).

Sen saír da provincia lucense, a Xunta distribuíu durante esta semana diversos produtos agroalimentarios no hospital Lucus Augusti, no de Monforte e no da Mariña, así como na sede de Cáritas en Lugo para atender os colectivos máis desfavorecidos durante o estado de alarma. En concreto, doáronselles tarros de mel, queixos e patacas, ademais de carne de tenreira, cordeiro e porco celta.

Cabe lembrar que a Xunta tamén está a repartir alimentos estes días entre outros hospitais galegos, como o CHUOU de Ourense, o CHUS de Santiago, o complexo de Ferrol e o CHUAC da Coruña, onde hoxe mesmo se entregan mel, queixos e patacas. Con todo, as doazóns non cesan e continuarán durante as próximas semanas.

A maiores, o Goberno galego está a distribuír distintos produtos agrogandeiros por varias cociñas económicas e entidades sociais da comunidade, co obxectivo de proporcionar alimentación de calidade ás familias que presentan máis necesidades.

A rede Mercaproximidade, a canle alternativa de comercialización concibida para os produtores e industrias afectados polo peche da hostalaría e os mercados municipais, contempla de xeito excepcional que a Xunta compre produtos agroalimentarios con fins sociais. Un xeito de, por unha parte, contribuír ás economías dos agricultores e gandeiros galegos, e por outra, asegurar o aprovisionamento de todas as familias con plenas garantías.

Dende a entrada en vigor desta nova fórmula de venda o pasado día 15 de abril, máis de 370 produtores agrogandeiros e industrias transformadoras adheríronse xa a Mercaproximidade, para dar saída ás súas hortalizas, froitas, produtos apícolas ou carne.

Da banda da distribución, acordaron colaborar mercando estas producións un total de dez cadeas: Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski -cos seus establecementos Eroski e Familia-, El Corte Inglés -cos establecementos Hipercor e Supercor-, Carrefour -cos seus centros Carrefour e Carrefour Market-, Grupo Cuevas -cos seus supermercados Plenus, Aquié e Aquí-, Lidl, Alcampo, Coviran e DIA. Con todo, a iniciativa segue aberta a máis empresas, como as que subministran a colectividades ou as plataformas de venda online.