O conselleiro do Medio Rural participou por vía telemática na Conferencia Sectorial de Agricultura co ministro Luis Planas e os seus homólogos das distintas comunidades

Galicia permitirá que os concellos celebren mercados locais a partir do 4 de maio baixo as estritas condicións de seguridade aprobadas pola Xunta a finais de marzo

A Xunta considera que a entrada, o vindeiro luns, na “fase 0” da desescalada posibilita a reapertura deste servizo baixo unhas regras que en Galicia están xa establecidas desde o día 24 do mes pasado

José González lembrou que o Goberno galego solicitou esta medida en varias ocasións e agora entende que se dan as circunstancias para adoptala

Na videoconferencia, o conselleiro urxiu ao ministro a que convoque a Comisión de Seguimento do Acordo Lácteo, para buscar solucións que poñan fin á entrada de leite foráneo a prezos por baixo dos custos de produción

A maiores, reclamou máis fondos do Estado para manter a intensidade nos traballos relacionados coa sanidade vexetal para facer fronte a enfermidades coma o nematodo do piñeiro ou a couza guatemalteca da pataca
 

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2020

A Xunta permitirá que os concellos celebren mercados locais de produtos agroalimentarios a partires do vindeiro luns, 4 de maio, sempre baixo estritas condicións de seguridade. Así o anunciou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, quen trasladou esta decisión durante a súa participación, por vía telemática, na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural xunto co ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, Luis Planas, e os seus homólogos das diferentes comunidades autónomas.

O titular de Medio Rural explicou que o Goberno galego considera que a entrada, o vindeiro luns, na “fase 0” do proceso de desescalada posibilita a reapertura deste servizo baixo unhas regras que en Galicia están xa establecidas desde o 24 de marzo pasado, para garantir a seguridade das persoas, coas debidas medidas sanitarias e de distancia social. Ademais, o conselleiro apoiou esta decisión no feito de que outras comunidades españolas xa abriron estes mercados.

José González lembrou que o Goberno galego solicitou esta medida en varias ocasións e agora entende que se dan as circunstancias para adoptala. O conselleiro advertiu ademais, neste sentido, que “non se pode facer un plan de desescalada sen contar coas comunidades autónomas e en especial coas particularidades do medio rural galego”. Nesta liña, recordou que tanto el como o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reclamaron que, en canto se activara a desescalada, esta fose das primeiras actividades relacionadas co agro en retomarse. Nesta situación, engadiu, cómpre ir abrindo estas canles de venda, sobre todo tendo en conta que se mantén o peche da hostalaría e a restauración.

Neste mesmo sentido, o conselleiro lembrou que por parte da Xunta xa se puxo en marcha a rede Mercaproximidade, pero considerou que esta medida debe verse complementada coa reapertura dos mercados locais, cando menos mentres non se normalice plenamente a situación da devandita vía Horeca (de hostalaría e restauración).

En parecidos termos, José González reclamou tamén ao ministro a reapertura dos mercados de gando, tendo en conta o mesmo proceso de desescalada e sempre adoptando todas as medidas sanitarias precisas. Advertiu que esta medida é demandada polo sector e considerouna necesaria para dar saída aos animais que se están acumulando nas explotacións.

Entrada de leite foráneo

O conselleiro aproveitou a videoconferencia para urxir ao ministro a que convoque a Comisión de Seguimento do Acordo Lácteo, co obxectivo de buscar solucións que poñan fin á entrada de cisternas dende Francia e Portugal con leite de vaca e produtos lácteos a prezos por baixo dos custos de produción. Como xa lle sinalara nunha carta a Luis Planas, destacou que estes produtos que veñen de fóra están a alterar o mercado interno e poñendo en risco a viabilidade económica dos produtores galegos.

José González tamén pediu que se inste a lexislar á Comisión Europea para que cada operador da cadea alimentaria deba pagar ao inmediatamente anterior un prezo igual ou superior aos custos de produción. A maiores, reclamou intensificar a campaña de concienciación a prol do agro español, así como os controis para evitar que o leite de fóra se etiquete como se fose de aquí.

Fondos para sanidade vexetal e animal

Nesta Conferencia Sectorial tamén se abordou a repartición de fondos, por parte do Estado, para o correcto funcionamento de diferentes políticas das comunidades autónomas en materia agraria. Neste contexto, José González salientou aqueles temas relacionados coa sanidade vexetal e animal. Entre eles, en relación co primeiro aspecto, puxo en valor as achegas do Goberno central para a loita contra enfermidades coma o nematodo do piñeiro, a couza guatemalteca da pataca ou psílido africano dos cítricos, entre outras.

Porén, en relación con este eido, o titular de Medio Rural lamentou que as cantidades destinadas a Galicia sexan insuficientes para poder seguir co mesmo nivel de intensidade os traballos que cómpre desenvolver no terreo da sanidade vexetal. Ao tempo, amosou tamén a súa confianza en que se materialicen as boas intencións expresadas polo Ministerio, no sentido de traballar para conseguir unha maior dotación orzamentaria.

Outros ámbitos nos que Galicia si considera que está a recibir un trato acorde coas súas necesidades son as achegas do Goberno central para o fomento das razas autóctonas, o apoio á apicultura, o control do rendemento leiteiro ou os programas de erradicación de enfermidades animais, que tamén foron tratadas nesta Sectorial.

Consumo de froitas na escola

Nesta liña, o conselleiro salientou que Galicia, “porque fixo os seus deberes”, sae moi ben parada na repartición de fondos do Programa Escolar de Consumo de froitas, hortalizas e leite. Así, no que atinxe especificamente ás froitas, Galicia, de acordo cos novos criterios de asignación e en atención ao seu bo grao de execución en cursos pasados, recibe para o curso 2020/2021 unha cantidade superior á dos últimos anos. É a segunda comunidade que máis incrementa a cantidade asignada (un 27,3%), despois das Canarias, ata superar os 635.000 euros en total, remarcou González.
 

Imaxes relacionadas