A Xunta fai hoxe entrega de varias pezas de carne, queixos, patacas e mel ao Complexo Hospitalario de Ourense no marco da rede Mercaproximidade

A repartición de produtos agroalimentarios estase a levar a cabo noutros hospitais galegos, así como en comedores e entidades sociais

Esta compra por parte do Goberno galego ten como obxectivo último contribuír ás economías dos agricultores e gandeiros da comunidade durante o estado de alarma

Santiago de Compostela, 1 de maio de 2020

A Consellería do Medio Rural entrega hoxe ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUOU) unha partida de queixos, patacas, tarros de mel e varias pezas de carne de tenreira, cordeiro e porco celta. A compra destes produtos agroalimentarios por parte do Goberno galego e a súa repartición lévanse a cabo ao abeiro da rede Mercaproximidade, a canle alternativa de comercialización que ten como fin último contribuír ás economías dos agricultores e gandeiros da comunidade durante o estado de alarma.

Máis aló do hospital ourensán, a Xunta está a repartir alimentos estes días noutros centros sanitarios galegos, como no CHUS de Santiago, no CHUAC da Coruña, e no complexo de Ferrol, da provincia coruñesa. Tamén no Lucus Augusti de Lugo, no hospital da Mariña e no de Monforte, na provincia lucense. As doazóns continuarán durante as próximas semanas.

A maiores, a compra de produtos agrogandeiros por parte da Xunta está chegando ás familias máis vulnerables mediante diversas organizacións, como o Banco de Alimentos de Lugo, que distribuíu nas sedes de Cáritas de toda España 100 toneladas de patacas cedidas polo executivo galego a semana pasada. A esta cantidade hai que engadir outras 30 toneladas de tubérculo doadas por un produtor da Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal).

Esta mesma semana, o Banco de Alimentos de Lugo recibiu máis alimentos por parte da Consellería do Medio Rural, como 2.000 queixos e 2.000 tarros de mel. Tamén a sede de Cáritas en Lugo poderá facer chegar aos colectivos máis desfavorecidos as provisións cedidas pola Xunta estes días, que inclúen mel, patacas, queixos e varias pezas de carne.

Así, a rede Mercaproximidade, a nova fórmula de venda concibida para paliar o peche da hostalaría e os mercados municipais, non deixa de medrar. Dende a súa entrada en vigor o pasado 15 de abril, adheríronse máis de 370 produtores e industrias transformadoras co obxectivo de dar saída ás súas hortalizas, froitas, produtos cárnicos ou apícolas.

Da banda da distribución, acordaron colaborar mercando estas producións un total de dez cadeas: Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski -cos seus establecementos Eroski e Familia-, El Corte Inglés -cos seus establecementos Hipercor e Supercor-, Carrefour -cos seus centros Carrefour e Carrefour Market-, Grupo Cuevas -cos seus supermercados Plenus, Aquié e Aquí-, Lidl, Alcampo, Coviran e DIA. Con todo, a iniciativa segue aberta a máis empresas, como as que subministran a colectividades ou as plataformas de venda online.