O Plan de ordenación do medio físico de San Fiz de Asma, en Chantada, iniciará este mes a súa tramitación ambiental
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe unha reunión de seguimento co alcalde, a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e o arquitecto redactor do documento
A tramitación do POMF, o primeiro destas características que se promove en Galicia, comezou a finais de 2019 no marco do Plan de Acción Estratéxico da Xunta para mellorar a ordenación paisaxística, ambiental e urbanística da Ribeira Sacra
A parroquia en cuestión conta cunha gran densidade de construcións singulares e de especiais características que require da fixación dunhas pautas de intervención específicas para garantir o seu mantemento e conservación
O Plan de Ordenación do Medio Físico (POMF) de San Fiz de Asma, no Concello de Chantada, iniciará ao longo do mes de xuño a súa tramitación ambiental. Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, tras manter unha reunión de seguimento dos traballos co alcalde chantadino, Manuel Lorenzo Varela, a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarna Rivas, e o arquitecto redactor do plan, Mario Crecente.
Nestes momentos tanto o borrador do POMF como o documento inicial estratéxico están practicamente rematados, o que permitiría iniciar a continuación o trámite ambiental ante a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, que disporá de tres meses para emitir o seu informe, unha vez finalizadas as consultas ambientais correspondentes.
O POMF de San Fiz de Asma é o primeiro documento destas características que se promove en Galicia e enmárcase dentro do chamado Plan de Acción Estratéxico para a Ribeira Sacra, un conxunto de medidas e actuacións impulsadas pola Xunta en setembro de 2019 co obxectivo común de mellorar a planificación e a protección deste territorio a cabalo entre as provincias de Lugo e Ourense.
Para elo, o Plan inclúe un paquete de 10 propostas a nivel ambiental, paisaxístico e urbanístico cun investimento global de máis de 3,5 millóns de euros. Entre elas figura o POMF de San Fiz, que empezou a concretarse o pasado mes de novembro despois de que o Consello da Xunta acordara iniciar a súa tramitación.
Tal e como subliñou a conselleira, coa elaboración deste primeiro Plan de Ordenación do Medio Físico -cun orzamento de 68.000 euros- preténdese a conservación e o mantemento das características dunha paisaxe construída digna de preservar. Así, a parroquia de San Fiz de Asma conta cunha gran densidade de construcións singulares e de especiais características que requiren dunha ordenación detallada e específica.
Esa será, precisamente, a función principal do POMF, que para cumprir con estes obxectivos fixará pautas de intervención sobre as devanditas construcións, os viarios de acceso e os socalcos así como os materiais a empregar, establecendo, en definitiva as medidas e normas de protección necesarias para garantir a súa preservación, restauración ou mellora e a súa adecuación ás funcións e usos correspondentes.
Pulo á candidatura ante a Unesco
Ademais do POMF, entre as medidas do Plan de Acción para a Ribeira Sacra cómpre subliñar a reformulación das dúas áreas de especial interese paisaxístico que hai nesta zona, a fin de adaptalas á realidade actual e fusionalas nunha soa (a AEIP Ribeira Sacra), ou o desenvolvemento de diversas actuacións en materia paisaxística por parte do Instituto de Estudos do Territorio co horizonte posto no ano 2021.
En concreto, prevese a elaboración dun Pacto pola Paisaxe e dun Plan de Acción da Paisaxe nesta zona de gran riqueza natural e paisaxística. De feito, a finais de abril a conselleira Ángeles Vázquez anunciaba que se estaba a ultimar a memoria técnica do Plan da Paisaxe da Ribeira Sacra, co que se busca contribuír a mellorar a percepción do territorio e a comprensión dos valores da súa paisaxe cultural.
Ademais, en febreiro declarouse a primeira Área de Rehabilitación Integral (ARI) da Ribeira Sacra, xestionada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo e integrada por 25 concellos das provincias de Lugo e Ourense. En breve convocaranse as axudas para este ano, dotadas cunha partida de 850.000 euros e ás que poderán acceder tanto concellos como particulares co fin de promover accións integrais de rehabilitación para usos residenciais dentro do ámbito territorial que abrangue a nova ARI.
Con todas as medidas incluídas no Plan de Acción Estratéxico impulsado pola Xunta preténdese dar un pulo definitivo á dobre candidatura da Ribeira Sacra ante a Unesco a Reserva da Biosfera e a Patrimonio da Humanidade.
Neste sentido, cómpre lembrar que o pasado mes de marzo deuse un paso decisivo cando o Centro de Patrimonio Mundial confirmou que a candidatura galega fora aceptada para a súa avaliación na 45º sesión do Comité, prevista para 2021. Paralelamente, tamén está en proceso a candidatura a Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel, remitida ao Comité Español MAB da UNESCO en decembro do ano pasado.