A Escola Galega de Administración Pública estrea unha nova plataforma de teleformación
A nova aula virtual mellorará a experiencia formativa do persoal empregado público de Galicia, dotará aos docentes das ferramentas educativas máis innovadoras e facilitará a administración interna dos cursos
A EGAP imparte máis do 75% da súa formación en modalidades non presenciais e dende 2019 tamén dispón dun plataforma de telepresenza
A Escola Galega de Administración Pública actualiza a súa plataforma de teleformación á versión 3.9 de Moodle, o sistema web de ensinanza que permite crear e xestionar espazos de aprendizaxe online. A través desta actualización a EGAP mellorará a experiencia formativa do persoal empregado público de Galicia, dotará aos docentes das ferramentas educativas máis innovadoras e facilitará a administración interna dos cursos.
Entre as novidades máis destacadas atópanse a posibilidade de incorporar materiais didácticos interactivos elaborados baixo o estándar H5P, a mellora da navegación dentro dos apartados dun curso e unha maior personalización do taboleiro de cursos inicial por parte do alumnado. Ademais, esta actualización permitiu a reforma do sistema de mensaxaría interna da aula, a posibilidade de enviar audio e vídeo por parte dos usuarios sen necesidade de instalar aplicacións no dispositivo, a incorporación dun módulo de intelixencia artificial para realizar notificacións ao alumno e a mellora do módulo de enquisas, entre outras novidades.
Todas estes avances permitirán asumir con eficacia a formación online impartida pola Escola, que este ano se viu incrementada a causa da pandemia, o que obrigou a reconverter algunhas actividades programadas inicialmente como presenciais.
A formación non presencial na EGAP
A Escola Galega de Administración Pública iniciou a súa experiencia coa formación online no ano 2009 e dende ese momento esta modalidade foi incrementándose progresivamente ata supoñer na actualidade máis do 75% das prazas ofertadas anualmente. Este crecemento debeuse, en parte, ás vantaxes que ofrece a docencia non presencial como facilitar a conciliación dos tempos profesionais e persoais, reducir os desprazamentos ou permitir unha maior autoxestión do tempo do alumnado.
Ademais, dende 2019 a EGAP conta cun módulo de telepresenza que permite impartir docencia a distancia pero mantendo unha comunicación simultánea e bidireccional co alumnado, superando así algunha das barreiras da teleformación máis tradicional.