O primeiro caderno do FICBUEU analiza as curtametraxes da ‘Nouvelle Vague’

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación da edición bilingüe galego-inglés, que conta co apoio da Xunta

Severiano Casalderrey, subdirector do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU), é o autor do traballo

Bueu (Pontevedra), 15 de setembro 2020

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no Centro Social do Mar de Bueu na presentación do primeiro volume dos Cadernos FICBUEU: A Nouvelle Vague a través das súas curtametraxes (1956-1965), de Severiano Casalderrey. Trátase dun volume con edición bilingüe en galego e inglés que conta co apoio da Xunta de Galicia.

No acto, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, saudou a creación dos Cadernos do FICBUEU e mostrouse satisfeito de que poidan saír á luz grazas á colaboración do Goberno galego, de xeito “que o traballo de documentación e de escolma que se fai para o Festival permaneza no tempo e poida contribuír á formación en galego das novas xeracións que queiran achegarse á sétima arte”. Por outra banda, o secretario xeral loou a capacidade do autor para “escribir un traballo que é, ao mesmo tempo, ameno, claro e rigoroso”.

Xunto con el participaron na presentación de A Nouvelle Vague a través das súas curtametraxes (1956-1965) Manuel Pena, director do FICBUEU, e Severiano Soutullo, subdirector e autor da publicación.

No 60 aniversario da ‘Nouvelle Vague’

O volume A Nouvelle Vague a través das súas curtametraxes (1956-1965), da autoría do subdirector do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU), Severiano Casalderrey, é o primeiro número dos Cadernos FICBUEU. Nel recompílase o traballo de selección e de investigación realizado para a Sección Retrospectiva, unha das novidades da 12ª edición do dito festival, recentemente celebrada, mediante a que se lles quere dar protagonismo a obras de difícil acceso para o público pero con grande valor histórico no desenvolvemento do cinema e do formato curtametraxe.

Nesta ocasión, os cadernos, que se publican en edición bilingüe galego-inglés, analizan unha das correntes cinematográficas máis coñecidas da historia, a Nouvelle Vague francesa, que presentou e consolidou as súas primeiras longametraxes hai 60 anos, cando Truffaut foi galardoado co premio ao mellor director do Festival de Cine de Cans por Les 400 coups. Con todo, o traballo de Severiano Casalderrey céntrase na produción de curtametraxes de directores desta corrente (Éric Romer, Jacques Rivette, Jean-Luc Godard, François Truffaut...), un precedente indispensable para entender a produción posterior destes autores e un dos aspectos menos explorados da Nouvelle Vague.

Imaxes relacionadas