A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, realiza unha visita institucional a Pontecesures

A nova representante territorial analizou co alcalde desta localidade, Juan Manuel Vidal, as demandas deste municipio relativas especialmente a mellora do a execución dun novo centro social, así como dun pantalán de pasaxe no río e a mellora de saneamentos

Pontevedra, 14 de outubro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, continúa a rolda de visitas institucionais, e hoxe mantivo un encontro co alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal Seage, con que analizou as principais preocupacións do municipio en relación á actividade da administración autonómica.

Juan Manuel Vidal Seage trasladou a Luisa Piñeiro a situación actual do concello, en especial, a preocupación do equipo de Goberno pola necesidade de completar a separación de pluviais e fecais do municipio de cara a reducir o impacto dos vertidos na ría.

Cuestións relativas a patrimonio, a medio rural, así como á construción dun pantalán de pasaxe no río e ao mellora do clube náutico de Pontecesures tamén se puxeron sobre a mesa nunha reunión na que o rexedor agradeceu a Luisa Piñeiro a súa visita e destacou o seu carácter municipalista, ao proceder dunha alcaldía dun pobo do rural, o que, na súa opinión, facilita o coñecemento das necesidades dos pequenos concellos.

Finalmente, o rexedor tamén trasladou á nova delegada territorial a necesidade de que se axilicen os trámites para a construción dun novo centro social para o municipio, unha obra que, segundo Juan Manuel Vidal, é de vital importancia para o pobo e que xa fora comprometida pola administración autonómica no pasado sempre e cando o concello puxera a disposición os terreos axeitados.

Imaxes relacionadas