A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, realiza unha visita institucional a Vilanova de Arousa

A nova representante territorial analizou co alcalde desta localidade, Gonzalo Durán, as demandas deste municipio relativas especialmente a reordenación e humanización de todo o entorno do auditorio

Pontevedra, 14 de outubro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, continúa a rolda de visitas institucionais, e hoxe mantivo un encontro co alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, con que analizou as principais preocupacións do municipio en relación á actividade da administración autonómica.

Gonzalo Durán, xunto ao tenente alcalde, Javier Tourís, trasladaron a Luisa Piñeiro a necesidade do concello de levar a acabo un proxecto de urbanización e humanización de todo o entorno do novo auditorio e a estrada que vai cara o casco urbano, de xeito que esta área se integre no centro do pobo.

Ademais, o rexedor tamén trasladou a Luisa Piñeiro o interese do concello por poñer en marcha a execución dun balneario de auga de mar no entorno do Terrón, así como o interese de diversos emprendedores do concello pola posta en marcha de varias casas do maior e a necesidade de continuar apostando polo polígono de Baión.

Por outra banda, Gonzalo Durán tamén explicou a delegada territorial a situación do mercado de abastos, onde se quere facer unha importante renovación que permita non só mellorar a situación dos postos actuais senón tamén facelo máis atractivo de cara a atraer a visitantes e turistas a degustar os produtos autóctonos deste pobo, para o que sería necesario poder trasladar, canto antes, o arquivo ao andar baixo deste edificio.

Finalmente orexedor agradeceu a Luisa Piñeiro a súa visita e destacou o seu carácter municipalista, ao proceder dunha alcaldía dun pobo do rural, o que, na súa opinión, facilita o coñecemento das necesidades dos pequenos concellos.

Imaxes relacionadas