O Consello Consultivo considera que os concellos son competentes para sancionar cando se incumpran as restricións sanitarias

Responde á consulta elevada pola Xunta para coñecer ao seu criterio sobre quen debe tramitar os expedientes sancionadores cando se incumpran medidas preventivas do coronavirus

Indica que non é preciso que os concellos elaboren unha ordenanza específica para poder tramitar estas sancións

Precisa que corresponde aos concellos o control e sanción cando non se cumpra co uso obrigatorio de máscara nos espazos públicos
 

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2020

A Xunta vén de coñecer o informe do Consello Consultivo de Galicia, no que considera que os concellos son competentes para incoar, tramitar e resolver expedientes sancionadores relacionados co incumprimento das restricións sanitarias vixentes para frear a pandemia de covid-19.

O Consello Consultivo responde así á consulta elevada pola Xunta para coñecer o seu criterio sobre esta cuestión, tal e como se tiña acordado na reunión do pasado 5 de outubro ente o Goberno galego e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

O informe do Consello Consultivo sinala que os alcaldes e alcaldesas ostentan a competencia para a vixilancia, inspección e control do cumprimento das medidas de prevención do coronavirus -tanto as establecidas a nivel estatal como as de carácter autonómico- dentro do ámbito das súas competencias: industrias, actividades, servizos e transportes, edificios, lugares de vivenda e convivencia humana.

Do mesmo xeito, o Consello Consultivo considera que os concellos son tamén competentes para incoar, tramitar e resolver os expedientes sancionadores daqueles incumprimentos que teñan lugar dentro destes ámbitos competenciais e que sexan considerados como unha infracción administrativa en materia de saúde pública.

Así, e máis en concreto, o informe aclara que entrarían dentro destes supostos, e polo tanto, dentro das competencias dos concellos, o control e as sancións sobre incumprimentos de actividades prohibidas, normas de aforo, horarios de peche e, nomeadamente, o incumprimento do uso obrigatorio da máscara en actividades ou espazos públicos.

Ademais, o informe precisa que non é necesario que os concellos aproben unha ordenanza para poder sancionar estes incumprimentos. E tal e como xa se lle deu traslado á Fegamp, a Xunta axudará aos concellos medianos e pequenos que non teñan capacidade para tramitar as súas sancións e soliciten a colaboración da Administración autonómica.