A Policía Autonómica identificou a case 350 persoas durante esta fin de semana na provincia de Pontevedra nos controis de medidas ante a covid-19

Os 26 dispositivos despregados enmárcanse no plan de actuacións específicas destinadas a evitar a propagación da covid-19, no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias

Os dispositivos leváronse a cabo nos municipios de Baiona, O Grove, Marín, Mos, Nigrán, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Sanxenxo e Vigo

Pontevedra, 23 de novembro de 2020

Axentes da Policía Autonómica levaron a cabo durante esta fin de semana 26 dispositivos na provincia de Pontevedra no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes pola covid-19. Ao abeiro destes controis, os axentes actuaron en 10 concellos da provincia na pasada fin de semana, onde se realizaron 38 inspeccións nas que foron identificadas 346 persoas e tramitáronse 3 denuncias.

En base a este Plan, a Policía Autonómica destinou efectivos entre o 20 e o 22 de novembro a controlar que se están a cumprir as medidas vixentes para frear a expansión do virus. Os dispositivos leváronse a cabo nos municipios de Baiona, O Grove, Marín, Mos, Nigrán, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Sanxenxo e Vigo.

No conxunto da comunidade galega, os axentes actuaron nun total de 40 concellos, nos que que se rexistraron 117 operativos cun total de 203 inspeccións, con máis de 639 persoas identificadas e 59 denuncias tramitadas. Estes dispositivos enmarcase no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias.

Durante os operativos, os axentes controlaron que nos establecementos abertos ao público, terrazas e espectáculos públicos se estaban a cumprir as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias para facer fronte á covid-19, como o uso obrigatorio de máscara, o cumprimento da distancia de seguridade, así como o aforo e o horario de peche dos locais e a prevención do botellón.