A Xunta apoia a corresponsabilidade no coidado de fillos e fillas coa concesión de 235 axudas a homes e familias monoparentais

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas que impulsan a corresponsabilidade e a conciliación da vida familiar co traballo ao apoiar reducións da xornada para o coidado dos fillos e fillas menores de 3 anos

As contías oscilan entre os 1.700 e os 3.700 euros por un tempo máximo subvencionable de oito meses

Están abertas ademais a familias con menores de 12 anos con discapacidade, ás persoas que adoptaron ou teñen en réxime de acollemento un neno ou nena
 

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2020

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas para a conciliación da vida familiar e laboral por redución de xornada de traballo para persoas traballadoras e familias monoparentais que beneficiarán a 235 persoas -177 homes e 58 mulleres- co obxectivo de fomentar a corresponsabilidade nas tarefas e coidado de menores no ámbito doméstico.

As axudas contan cun orzamento de 451.610 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo (FSE). Teñen como finalidade apoiar a asunción de responsabilidades familiares por parte dos homes e contribuír á desaparición de estereotipos sobre a mellor ou menor disposición de mulleres e homes para asumiren as tarefas do coidado dos e das menores. Co apoio económico a aqueles traballadores que se acollan a esta medida de conciliación se facilita a permanencia no mercado de traballo das mulleres con cargas familiares.

A convocatoria deste ano tivo en conta as situacións laborais adversas derivadas da covid-19. A contía das axudas determínase en función da porcentaxe da redución da xornada e a súa duración así como do número de fillos e fillas a cargo da persoa solicitante. Oscilan entre os 1.700 euros e os 3.700 para o caso de que se refiran ao máximo do período subvencionable de oito meses. En supostos de menor duración, as contías prorratéanse de xeito proporcional.

Os beneficiarios son homes ou familias monoparentais que optaron pola redución da xornada entre o 1 de xullo de 2019 e o 30 de xuño de 2020 e que teñen ao seu coidado unha filla ou fillo menor de 3 anos, ou menor de 12 anos naqueles casos nos que padeza unha discapacidade igual ou superior ao 33%.

As axudas tamén recaen en persoas que adoptaron un neno ou nena ou que prestan acollemento familiar permanente ou preadoptivo. Nestes supostos, non pode ter transcorrido máis de 3 anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial pola cal se constitúe a adopción. En calquera caso, a filla ou fillo deberá ser menor de 12 anos.

Estas medidas teñen por obxectivo o fomento da corresponsabilidade nos fogares galegos: que se leve a cabo nas familias un reparto equilibrado no tempo do coidado dos fillos e das fillas e da responsabilidade de conciliar que, na maioría dos casos, segue a recaer maioritariamente nas mulleres.

O impulso das medidas de conciliación para fomentar a corresponsabilidade por parte dos homes é unha das prioridades do VII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de mulleres e homes 2017-2020 e tamén se reflicte nas medidas recollidas no Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021.
 

Imaxes relacionadas