Luisa Piñeiro anuncia unha acción transversal para a prevención de lumes en Cerdedo-Cotobade con mellora de pistas forestais, cortalumes e creación de puntos de auga
A delegada territorial visita, co alcalde Jorge Cubela e o xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo, a actuación realizada na vía central do monte veciñal da parroquia de Pedre e as obras de construción do punto de auga de Corredoira
A Xunta inviste este ano 169.000€ en accións preventivas neste municipio, calificado como Zona de Alto Risco, para minimizar os efectos dos incendios
A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, anunciou esta mañá que o Goberno galego está a desenvolver unha acción transversal para a prevención de lumes forestais no Concello de Cerdedo-Cotobade a través dun investimento de 169.000€, só nesta área, con mellora de pistas forestais, acondicionamento e creación de cortalumes e construción de puntos de auga.
A representante autonómica acudiu, acompañada do alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e do xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo, ao monte veciñal da parroquia cerdedense de Pedre a realizar unha visita de supervisión á mellora acometida na pista central de acceso a esta zona forestal, coa que se minimizan os efectos dun posible lume e se facilita a chegada dos medios de extinción en caso de incendio.
Luisa Piñeiro explicou que a Xunta “está especialmente concienciada e traballando durante todo o ano na prevención de lumes, sobre todo en Zonas de Alto Risco, como é o caso de Cerdedo-Cotobade” e revelou que no presente exercicio actuouse en case dez quilómetros de camiños e pistas de monte deste municipio e procedeuse á apertura ou acondicionamento de cortalumes en preto de 25 hectáreas.
Ademais, engadiu que, na actualidade, estase rematando o traballo de prevención deste ano para Cerdedo-Cotobade coa construción dun punto de recollida de auga para seguir completando a rede para os medios de extinción na parroquia cotobadesa de Corredoira, cuxas obras tamén foron visitadas hoxe, e proxéctase outro máis en San Xurxo de Sacos.
“O Concello de Cerdedo-Cotobade é un dos máis grandes da provincia e ademais ten 12.800 hectáreas forestais pertencentes a 54 comunidades de montes, polo que conta cunha riqueza natural que, como administración, nos esforzamos ao máximo en protexer con todas as infraestruturas rurais que permitan anticiparse aos lumes, aínda que tamén me gustaría facer un chamamento á colaboración veciñal”, significou a delegada territorial.
Luisa Piñeiro apostillou que o traballo da Xunta de Galicia ao longo destes anos “conseguiu reducir moito os efectos dos incendios neste territorio e ter uns servizos e uns tempos de resposta moi áxiles”.
Finalmente, a representante autonómica adiantou que a Xunta vai proseguir coas accións de capitalización do monte e de mellora das infraestruturas e dos plans de prevención de lumes en Cerdedo-Cotobade e anunciou que haberá novas partidas do Goberno galego para esta área no vindeiro ano 2021.