A Xunta mellora a accesibilidade ao embarcadoiro dos Chancís para facilitar a entrada ás embarcacións que percorren os canóns do Sil

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na presentación deste proxecto que o Goberno galego apoia con máis de 194.000 euros co obxectivo de mellorar o confort dos turistas que se acheguen a desfrutar deste recurso turístico de gran interese paisaxístico

Alfonso Rueda destacou a aposta da Xunta por un turismo seguro que permite diferenciar a oferta turística da comunidade e a importancia de potenciar un turismo tranquilo e en espazos naturais
 

Sober (Lugo), 5 de decembro de 2020

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe o embarcadoiro dos Chancís, onde presentou o proxecto para mellorar a accesibilidade deste recurso turístico situado na Ribeira Sacra ao que o Goberno galego destinará un investimento de máis de 194.000 euros.

A Xunta aposta con esta intervención por un turismo accesible para todos ao incluír a creación dun novo acceso peonil adaptado para persoas con mobilidade reducida, así como o traslado do pantalán a outra zona co obxectivo de facilitar a entrada ás embarcacións utilizadas nos percorridos turísticos dos Canóns do Sil. Ao acto tamén acudiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

Alfonso Rueda destacou a importancia destes traballos destinados a mellorar o acceso e o confort dos turistas que se achegan a desfrutar deste recurso turístico ubicado nun entorno de gran reclamo e interese paisaxístico. Deste xeito, incidiu en que a Ribeira Sacra é un destino consolidado e cada vez máis demandado polos turistas, que no actual escenario marcado pola pandemia da covid-19 reclaman un turismo tranquilo en espazos naturais como os que ofrece Galicia, por exemplo, a través das rutas fluviais polo río Sil. Trátase, por tanto, dunha oferta turística atractiva neste momento ao ser unha actividade ao aire libre e en pleno contacto coa natureza.

Ademais, resaltou o traballo da Xunta na promoción de Galicia como un destino seguro mediante a implantación de tódolos protocolos necesarios que permiten facer turismo con seguridade. Tamén nos catamaráns que navegan pola Ribeira Sacra, que levan a cabo as restricións de aforo e as medidas hixiénico-sanitarias adoptadas polas autoridades sanitarias.

O vicepresidente primeiro da Xunta apelou a seguir apostando por potenciar Galicia como un lugar fiable e de calidade que marca a diferencia da oferta turística da comunidade. E lembrou que o Goberno galego continúa, pese ás restricións da covid-19, a traballar na preparación do Xacobeo 2021, que suporá o motor de recuperación do sector turístico.

Imaxes relacionadas