A comisión territorial da Xunta en Pontevedra aborda os protocolos de seguridade sanitaria de traballadores e administrados que garanten a atención pública
Analiza a implantación do teletraballo, especialmente dende a aplicación das primeiras restricións da terceira vaga hai 18 días, e o funcionamento dos grupos burbulla para garantir un servizo permanente nas dependencias de Pontevedra
A delegada territorial, Luisa Piñeiro, destaca as medidas postas en marcha para protexer a saúde dos 780 empregados públicos e dos cidadáns e para manter a normalidade na tramitación e xestións administrativas
A Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra celebrou esta mañá a súa comisión territorial mensual, na que se abordaron os protocolos de seguridade sanitaria dos traballadores públicos e dos administrados e que garanten a atención dos cidadáns no marco das medidas de protección fronte á covid-19 na terceira vaga.
O órgano de coordinación, celebrado de xeito telemático como medida preventiva baixo a presidencia da delegada territorial, Luisa Piñeiro, analizou a implantación do teletraballo e os seus graos de desenvolvemento, xa que se fixo especialmente intenso dende a aplicación das primeiras restricións nesta materia adoptadas hai 18 días no marco da terceira vaga da pandemia.
Así mesmo, tamén están activos, en todos os departamentos nos que é posible por cuestións de operatividade, os grupos burbulla para outorgar unha maior protección aos empregados públicos, para minimizar o risco de contaxios e para garantir que haxa unha atención permanente nas dependencias e servizos públicos da delegación territorial de Pontevedra, dispoñendo sempre de persoal en caso de que xurda algunha incidencia vencellada á covid-19.
Durante esta xuntanza, Luisa Piñeiro quixo destacar a importancia e o bo funcionamento xeral das medidas postas en marcha, baixo a recomendación da implantación do teletraballo para favorecer a protección da saúde, “para coidar dos 780 empregados públicos e dos cidadáns que teñen que acudir de xeito presencial aos servizos da Xunta e tamén para manter a normalidade na tramitación e nas xestións administrativas prestando a atención de calidade que sempre caracterizou á administración autonómica”.