A Policía Autonómica e axentes ambientais esclarecen un incendio no concello de Rodeiro

Os feitos producíronse por unha neglixencia durante a limpeza da maleza dunha finca cunha segadora

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2020

Axentes da Policía Autonómica de Santiago, en colaboración con axentes ambientais esclareceron un incendio forestal ocorrido no concello de Rodeiro.

Os axentes da Policía Autonómica, xunto con persoal do Distrito XVI Deza e Tabeirós-Terra de Montes, levaron a cabo a investigación dun incendio rexistrado na parroquia de Pedroso que afectou 8,8 hectáreas, das que 4,5 hectáreas son monte raso e 4,3 hectáreas de superficie arborada. Os axentes tomaron declaración a varios veciños e ao investigado como presunto autor.

Os feitos producíronse por unha neglixencia durante os labores de limpeza de maleza dunha finca cunha segadora de discos. Na extinción do lume actuaron 2 axentes forestais, 3 motobombas, 4 brigadas, 1 helicóptero e 4 avións. As dilixencias por tales feitos foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Lalín.