O presidente da Xunta participou este mediodía na presentación do libro de Santiago Lago Peñas: 40 anos de descentralización en España (1978-2018)

Feijóo refírese á descentralización española como un éxito sen parangón e destaca a prosperidade como un dos conceptos que caracterizan os 40 anos de autogoberno galego

“A autonomía nin é un corsé limitador das nosas capacidades nin é un conxunto de taifas incontroladas en gasto”, di, recordando que nos momentos difíciles, como a recesión de 2008 ou a pandemia, a autonomía de Galicia demostrou ser moi útil

Destaca a obra de Santiago Lago Peñas como unha ferramenta útil para os que queiran aprender e reflexionar; “e para forxar consensos futuros sobre a descentralización, conxugando os principios inesquecibles de eficiencia, equidade e solidariedade”

Agradece ao autor o seu traballo como director do Foro Económico de Galicia e coordinador do Comité de expertos para a recuperación económica da Comunidade, e valora a súa incorporación ao grupo de expertos do Goberno central para abordar a reforma fiscal
 

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe á descentralización española como un éxito sen parangón, destacando a prosperidade como un dos conceptos que caracterizan os 40 anos de autogoberno galego.

“A autonomía nin é un corsé limitador das nosas capacidades nin é un conxunto de taifas incontroladas en gasto”, dixo, recordando que nos momentos difíciles, como a recesión de 2008 ou a pandemia, a autonomía de Galicia demostrou ser moi útil.

Ao respecto, subliñou que desde 2008, Galicia é a segunda comunidade con maior converxencia en PIB per cápita; a autonomía con menos aumento do volume de débeda desde entón; e leva dez anos sendo unha das tres comunidades con maior esforzo investidor con cargo aos seus propios orzamentos, ademais de cumprir o déficit público e a regra de gasto. “Galicia é un territorio de fiar”, dixo, a modo de resumo.

Durante a presentación do libro 40 anos de descentralización en España (1978-2018), aseverou que a obra de Santiago Lago Peñas ofrece unha ferramenta útil para os que queiran aprender e reflexionar; “e para forxar consensos futuros sobre a descentralización, conxugando os principios inesquecibles de eficiencia, equidade e solidariedade”, abundou, subliñando que a alternativa, pola contra, é que a financiación e a fiscalidade autonómica evolucionen en función de pactos conxunturais carentes de perspectiva.

Así mesmo, e en relación aos debates autonómicos, Feijóo aseverou que a cuestión está en activar mecanismos de coordinación que xa están latentes no noso modelo, referíndose, a modo de exemplo, á Conferencia de Presidentes. E, nesta mesma liña, lembrou que unha razoable e harmónica corresponsabilidade fiscal é inherente ao esquema autonómico; “de aí que sexa inquietante que se propague nestes días a idea da recentralización fiscal, a través do concepto harmonización fiscal”, resaltou.

O presidente da Xunta concluíu a súa intervención agradecendo unha vez máis ao autor o seu traballo como director do Foro Económico de Galicia e coordinador do Comité de expertos para a recuperación económica de Galicia. Ademais de valorar a súa incorporación ao grupo de expertos do Goberno central para abordar a reforma fiscal.

 

Imaxes relacionadas