Luis López informa en Pontevedra da campaña da Xunta para reactivar o comercio local e de proximidade con 330.000 bonos de descontos cun orzamento de 10 M€
O delegado territorial visita o establecemento Miler Vintage Running Club para ofrecer os detalles do ‘Bono Activa Comercio’ xunto ao presidente de Aempe, José María Corujo, e o do CCU Zona Monumental, Miguel Ángel Lago
Os comercios interesados poden adherirse ata o vindeiro 15 de maio e a relación dos mesmos comezará a publicarse dende o día 3 na páxina web www.bonosactivacomercio.gal
Todos os galegos poderán solicitar este desconto, de 30 euros, e que rebaixará 5 euros nas compras iguais ou superiores a 30 euros e 10 euros nas que sexan iguais ou superiores a 50
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou esta tarde na capital provincial da posta en marcha do programa Bonos Activa Comercio por parte da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación co obxectivo de favorecer e impulsar a reactivación do comercio local e de proximidade. Esta iniciativa despregará un total de 330.000 bonos, orientados a todas as galegas e galegos maiores de idade, cun orzamento total de 10 millóns de euros.
“A Xunta é perfectamente consciente de que os efectos da pandemia durante o último ano, así como as necesarias medidas restritivas para protexer a saúde dos cidadáns, están a menoscabar o volume de negocio das tendas e dos comercios e por iso, dado o seu compromiso co sector e a mellora da situación pola chegada das vacinas fronte á covid-19, cremos que é o momento de incentivalo con esta importante inxección económica a través dos cidadáns, aos que lles pido que aposten polo comercio local”, indicou.
O representante autonómico detallou todas as cuestións desta medida, que se poden consultar na páxina web www.bonosactivacomercio.gal, nunha visita realizada ao establecemento Miler Vintage Running Club, emprazado na rúa Peregrina de Pontevedra, xunto ao seu propietario, Víctor Riobó, e os presidentes de Aempe, José María Corujo, e do CCU Zona Monumental, Miguel Ángel Lago.
Os comercios interesados en adherirse a esta campaña teñen aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro 15 de maio, aínda que a relación dos mesmos darase a coñecer dende o próximo día 3. Estes establecementos poden formalizar a súa participación a través da páxina web desta iniciativa.
En canto aos consumidores, deberán darse de alta no portal dos Bonos Activa Comercio en Internet facilitando os seus datos ou de xeito presencial nas sedes da Dirección Xeral de Comercio ou as xefaturas territoriais da Consellería. Nese intre, poderán descargar o bono de 30 euros, que ten formato dixital a través dun código QR que estará dispoñible para a súa utilización na aplicación móbil Wallet, e gozar de descontos nas súas compras -a pagar en efectivo ou con tarxeta bancaria- nos establecementos adheridos –a previsión é que os clientes poidan usar o bono a partir da primeira semana de maio–. As rebaixas serán de 5 euros para as operacións iguais ou superiores a 30 euros e de 10 no caso das compras iguais ou superiores a 50.
“Presentamos unha medida novidosa e excepcional, pero cremos que a situación o require para animar o consumo e empuxar ao comercio local, que é garantía de calidade e o que dá vida ás nosas vilas e aos nosos barrios”, sinalou o delegado territorial, que detallou que, se a campaña culmina con éxito e se emprega o 100% da contía dos bonos, “inxectaranse, só con esta iniciativa, ao redor de 55 millóns de euros nos establecementos de proximidade, o cal consideramos un punto de partida máis que interesante para a reactivación do sector”.