Galicia lidera a compra pública innovadora en España con proxectos en execución por importe de 250M€ na última década

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, puxo de relevo o compromiso do Goberno galego con esta fórmula na presentación do Living Lab de Compra Pública de Innovación (CPI) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC)

A CPI permite á Administración prestar uns servizos máis eficientes, ao tempo que impulsa a innovación e contribúe a avanzar cara un modelo económico de maior valor engadido

O Goberno galego trazou un Itinerario de excelencia para a demanda de CPI galega, que contempla accións de formación dirixidas ao persoal das diferentes Administracións no emprego destas ferramentas

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2021

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá nunha mesa redonda no marco da presentación do Living Lab de Compra Pública de Innovación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Esta iniciativa constitúe un laboratorio de ideas para fomentar o uso da Compra Pública de Innovación (CPI) como instrumento para transferir os resultados da ciencia e dar resposta ás necesidades e retos do sector público en beneficio da sociedade.

Neste contexto, a directora de Gain puxo de relevo o liderado de Galicia no conxunto de España en materia de Compra Pública Innovadora (CPI), “unha fórmula que non só permite que as empresas fagan I+D+i, valorizando os resultados da ciencia feita no noso país, senón que, ademais, facilita ás administracións dar resposta, desde a innovación, aos retos actuais, o que permite prestar uns servizos mellores e máis eficientes”.

Entre 2007 e 2013, Galicia concentrou o 40% do investimento total en proxectos de CPI en España e na última década, executáronse na Comunidade 250 millóns de euros en proxectos de CPI. A modo de exemplo, Patricia Argerey sinalou que dúas iniciativas do Sergas, Hospital2050 e InnovaSaúde acadaron o 2º Premio Europeo de Compra Pública Innovadora, así coma o Premio Nacional de Innovación e Deseño na categoría de CPI.

Este último recoñecemento tamén foi acadado pola Civil UAVs Initiative, que contempla investimentos no sector aeroespacial no eido dos vehículos non tripulados orientados a mellorar as prestacións dos servizos públicos, como a loita contra incendios, salvamento marítimo ou seguridade da flota pesqueira, entre outros, e que ten como un dos seus piares fundamentais a Compra Pública Innovadora. Desde o seu lanzamento en 2015, a Civil UAVs Initiative mobilizou 164M€ de investimento público-privado desenvolvidos en máis de 50 proxectos, nos que veñen traballando máis de 800 persoas e se xeraron 6 patentes.

A directora de Gain amosouse convencida de que a CPI é o gran instrumento de apoio á I+D, entre outros motivos porque permite que administracións e empresas compartan o risco, posibilitando así que saian adiante proxectos que doutro xeito serían dificilmente asumibles polas empresas. “Hai patentes que non chegan ao mercado e iso é un luxo que non nos podemos permitir”, salientou.

Para que isto sexa efectivo, cómpre un cambio cultural na propia Administración, segundo salientou Argerey, para aproveitar ao máximo esta posibilidade e impulsar a innovación desde a CPI. Con esta perspectiva, a Xunta de Galicia deseñou un Itinerario de excelencia para a demanda de CPI galega, no que se enmarca o programa Innpulsa CPI, que ten como obxectivo formar ao persoal das distintas Administracións Públicas no uso destas ferramentas. Así mesmo, ao abeiro desta iniciativa, creouse o Premio Empregados Públicos Innovadores e outras accións formativas dirixidas ao persoal da Administración.

Imaxes relacionadas