A Xunta anima aos comerciantes de Monforte de Lemos a sumarse ao programa de bonos desconto para dinamizar as vendas

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou varios establecementos para informar sobre a nova iniciativa da Administración galega, que financia bonos con rebaixas de 30 euros para que os consumidores os gasten nos negocios adheridos

O proceso para darse de alta é rápido e sinxelo e unha vez completado recibirán o distintivo da campaña para que o coloquen nun lugar visible das súas tendas

Monforte de Lemos (Lugo), 26 de abril de 2021

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe varios establecementos comerciais de Monforte de Lemos para informar sobre a nova campaña Bonos Activa Comercio, posta en marcha pola Vicepresidencia económica para incentivar o consumo nos comercios de proximidade.

Arias animou aos negocios a sumarse á iniciativa: “o proceso é rápido e sinxelo e unha vez completado, recibirán un distintivo para que o coloquen nun lugar visible das súas tendas”. Así, indicou, “os consumidores identificarán os establecementos nos que poden gastar os bonos con descontos de 30 euros que financiará a Xunta”. O delegado tamén mantivo un encontro co xerente do CCU monfortino, Ángel Folgueira.

Os comercios teñen de prazo para apuntarse ata o 15 de maio e poden facelo a través da plataforma bonosactivacomercio.gal, A partir do 3 de maio abrirá o prazo para que o soliciten os particulares interesados en obter estas rebaixas nas súas compras, que variarán segundo o gasto: por compras iguais ou superiores a 30 euros obterán un desconto de 5 euros; mentres que cun gasto de 50 euros ou máis descontaranse 10 euros. O sistema funcionará a través dunha aplicación para descargar no teléfono móbil.

O obxectivo deste programa da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación é incentivar o consumo nos pequenos comercios que desenvolvan a súa actividade en réxime de autónomos ou pemes.

“Trátase dunha das medidas da Xunta para estimular o consumo dotando aos clientes de maior capacidade de gasto”, dixo Arias, “na mesma liña doutras iniciativas como a tarxeta turística, que bonifica as viaxes dentro da nosa Comunidade e que nesta segunda edición resultou un éxito rotundo entre a cidadanía, que esgotou todas as tarxetas dispoñibles en poucas horas tras abrir o prazo de presentación de solicitudes”.

Imaxes relacionadas