A Xunta realiza actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Cambeda no concello de Vimianzo

Os traballos estanse a desenvolver en distintos tramos do río ao seu paso polas parroquias de San Xoán de Cambeda, San Xoán de Calo e San Vicenzo de Vimianzo

Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude total de 6,5 km

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta para evitar atoamentos

Trátase de mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, executa actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Cambeda, no concello de Vimianzo.

Estes traballos estanse a desenvolver en varios treitos deste río, ao seu paso por distintos lugares das parroquias de San Xoán de Cambeda, San Xoán de Calo e San Vicenzo de Vimianzo.

As actuacións neste río desenvólvense ao longo de treitos que suman unha lonxitude total de 6,5 quilómetros.

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-norte e as súas zonas de acceso e protección.

Os traballos contribúen a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.