A Xunta somete a información pública un novo treito da vía de altas prestacións da Costa Norte, entre San Sadurniño e Sanguiñeira

Trátase da actualización do proxecto de construción da VAP da Costa Norte no seu treito San Sadurniño-Sanguiñeira, completándose, ademais, cunha conexión directa coa autovía AG-64

A actuación suporá un investimento que supera os 40 M€ e as obras disporán dun prazo de execución de 36 meses

Amplíase a lonxitude ata os 7,5 km para conectarse coa autovía AG-64 e ensánchase a plataforma da estrada de 14 a 17,5 metros

As achegas a este proxecto poderán formularse desde mañá e ata o 30 de xuño
 

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública un novo treito da vía de altas prestacións da Costa da Norte, entre San Sadurniño e Sanguiñeira.

Trátase da actualización do proxecto de construción da VAP da Costa Norte no seu treito San Sadurniño-Sanguiñeira, completándose, ademais, cunha conexión directa coa autovía AG-64.

O orzamento estimado polo departamento que dirixe Ethel Vázquez para levar a cabo a execución deste proxecto supera os 40 millóns de euros, e as obras disporán dun prazo de 36 meses.

No proxecto que se somete a información pública adáptase o trazado á nova normativa, incluíndo o estudo de posibilidades de adiantamento, dimensionamiento de beiravías e disposición de cruces a distinto nivel.

As persoas que o desexen poderán formular observacións e achegas ao proxecto desde mañá e ata o vindeiro día 30 de xuño. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información deste procedemento: https://xurl.es/glma9

Na actualización do proxecto destacan entre as cuestións especialmente relevantes, a ampliación da lonxitude total do trazado, ata acadar os preto de 7,5 km, de modo que o treito conectará directamente coa AG-64. Ademais, modifícase a sección tipo, de modo que se configura como a primeira vía deseñada como 2+1 en Galicia.

Deste xeito, o proxecto prevé unha sección de tipo estrada multicarril 2+1, na que existe en todo momento posibilidade de adiantamento en treitos alternos en condicións de seguridade cunha barreira física de separación de sentidos de circulación. Para iso, promóvese o ensanche da plataforma da estrada, que pasa de 14 a 17,5 metros, polo que co novo proxecto a lonxitude de zonas de adiantamento acada os 6,8 km, no canto de só 2,1 no antigo.

Cómpre destacar no proxecto que se somete hoxe a información pública, ademais, unha serie de aspectos cuxa modificación implica unha mellora substancial en seguridade viaria, en canto ás expropiacións, menores afeccións a canles ou ao proceso de construción.

Entre outros, cabe citar a substitución do enlace de San Sadurniño, no punto quilométrico 101+800, por un enlace coa vía provincial DP-7603, no 102+560, o que evita expropiar unha vivenda. Tamén no novo proxecto substitúese o enlace de Casanova por unha glorieta a nivel e modifícase o trazado entre os puntos quilométricos 101+700 ao 101+900 para reducir a afección ao río Aceiteiro.

Ademais, cámbiase a paso superior no cruzamento coa liña do ferrocarril, no punto 103+900, e promóvese a conexión directa con estrada AC-862 no enlace de Sanguiñeira.

En canto a estruturas, o proxecto prevé 4 viadutos, de 280, 96, 160 e 22 metros de lonxitude, respectivamente, así como 2 pasos superiores, 5 pasos inferiores e 1 muro de contención.

Este tramo da VAP comprende unha superficie de expropiación de 385.367 m², a maior parte no municipio de San Sandurniño. Tamén se prevé unha ocupación temporal de 11.483 m2 e 1.303 m2 de servidumes.

O departamento de Infraestruturas da Xunta segue traballando no impulso das actuación para a mellora da mobilidade das comarcas de Ferrolterral, Eume e Ortegal.

Entre as actuacións que se están a promover cómpre destacar o acondicionamento da estrada AC-100 en Mañón, xa rematado; así como as actuacións en execución para o acondicionamento na AC-566 en Valdoviño ou a 1ª fase do acondicionamento da estrada AC-862 . Tamén está licitado o acondicionamento da AC-110 nas Somozas.