Máis de 350 galegos solicitaron xa as axudas para emendar impactos paisaxísticos cuxo prazo remata o vindeiro 31 de maio

Esta nova liña de subvencións da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda permite mellorar un tellado, a fachada ou a medianeira dun edificio, así como o acondicionamento e mellora de peches de fincas de gran dimensión

O Goberno galego destaca a simplicidade da súa tramitación, así como os requisitos básicos que deberán cumprir os posibles beneficiarios

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2021

Máis de 350 galegos solicitaron xa as axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos, convocadas este ano por primeira vez pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

O prazo para pedir unha destas subvencións aínda está aberto ata o vindeiro 31 de maio, polo que todos os interesados en acollerse a estes incentivos poden presentar aínda unha proposta durante os próximos días, para así levar a cabo pequenas intervencións nas vivendas e inmobles da súa propiedade, co obxectivo de mellorar visualmente a edificación e evitar un punto de impacto na contorna na que se asentan.

A Xunta invita aos galegos a acollerse a esta liña de axudas, tendo en conta que os posibles beneficiarios deben cumprir uns requisitos moi básicos e abordar unha tramitación fácil e sinxela, pois só deberán presentar unha pequena memoria explicativa da actuación, unha reportaxe fotográfica, a factura da actuación realizada e a xustificación do pago.

As actuacións obxecto desta subvención son a mellora da fachada ou da medianeira dun edificio, así como do tellado; o acondicionamento e mellora de peches de fincas de gran dimensión, mediante a substitución de muros opacos por cachotería tradicional ou sebes vexetais; ou o revestimento de muros de cerramento realizados con bloques de formigón, en todo momento seguindo a solución que a Guía de cor e materiais propón para a súa contorna.

A primeira convocatoria desta orde de subvencións conta cun orzamento de 1 millón de euros e cada axuda ascenderá a un máximo de 3.000 euros. En cada caso, a Administración autonómica cubrirá o 70% do importe global do proxecto de mellora paisaxística, que poderá incluír unha ou varias actuacións.

Desde a Consellería de Medio Ambiente sinálase que co esforzo e a implicación de todos se pode incrementar o valor patrimonial dos inmobles e, por suposto, da paisaxe de Galicia, polo que se recorda aos concellos, a administración máis próxima aos cidadáns, a necesidade de colaborar nas xestións e trámites que son da súa competencia, como axilizar as autorizacións de carácter municipal oportunas para o desenvolvemento deste tipo de actuacións.

Imaxes relacionadas