O fin deste proxecto impulsado pola Xunta é recuperar a actividade agrogandeira na contorna da aldea, ao tempo que se defende ás persoas e aos bens do lume

A Xunta declara a zona de Bustelo de Fisteus, no concello lucense de Quiroga, como nova aldea modelo de Galicia

Neste caso, a iniciativa servirá para poñer en valor unha superficie de 14,15 hectáreas deste núcleo de poboación, distribuídas en 269 parcelas de 38 propietarios

A figura enmárcase na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que vén de entrar en vigor tras ser publicada no DOG o pasado venres 21
 

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2021

A Consellería do Medio Rural declara o núcleo de Bustelo de Fisteus, no concello lucense de Quiroga, como nova aldea modelo de Galicia. Trátase da décimo cuarta aldea con estas características aprobada na nosa comunidade e acaba de ser declarada canda a aldea de Pedrosa, no municipio ourensán de Riós. A figura enmárcase na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que vén de entrar en vigor tras ser publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado venres 21.

Neste caso, a iniciativa de aldea modelo, que promove a Xunta, ten por obxectivo recuperar as terras en abandono da contorna da aldea, para así contribuír á súa posta en valor, mellorando a calidade de vida da súa poboación e, ao tempo, reforzar a prevención dos lumes na proximidade das vivendas. Esta actuación vai servir para recuperar unha superficie de 14,15 hectáreas deste núcleo de poboación. Actuaríase nun total de 269 parcelas de 38 propietarios.

Así, nesta aldea realizarase a limpeza e a recuperación da faixa dos 50 metros máis próxima aos núcleos de poboación, no marco do convenio de protección das aldeas fronte ao lume posto en marcha pola Xunta, Seaga e a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp).

Ademais, o resto dos terreos ata o total da actuación (neste caso ata as 14,15 hectáreas), que pode acadar faixas de máis dos 150 metros, será posto en produción mediante a actuación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural en colaboración cos produtores interesados no seu aproveitamento, para así crear actividade agrogandeira nelas mediante produción gandeira extensiva ou cultivos de horta, cereal, pastos, froiteiras, castiñeiros, oliveiras, etc. Ao mesmo tempo, o conxunto dos terreos recuperados funcionarán como devasa natural fronte ao lume, xa que serán os cultivos os que actúen como método de protección, sen necesidade de rozar e limpar de forma periódica.

Todos os terreos recuperados serán incorporados ao Banco de Terras de Galicia, de maneira que as persoas titulares reciban unha compensación económica anual. Isto é, a aldea modelo suporá a obtención dun rendemento económico directo ou indirecto tanto para as persoas propietarias dos terreos –que conservarán sempre a titularidade das parcelas ao tempo que reciben un pago por arrendamento– como para os interesados na súa posta en produción.