Medio Ambiente facilita novos asentamentos empresariais nas Pontes ao informar a favor da modificación do polígono dos Airíos

Os cambios propostos buscan actualizar as determinacións normativas e gráficas do plan parcial do parque para posibilitar a implantación de novas actividades e a reutilización das edificacións existentes, mellorando a súa integración paisaxística

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de informar a favor da modificación puntual número 2 do Plan parcial do polígono Os Airíos, nas Pontes de García Rodríguez, uns cambios que teñen por obxecto facilitar o asentamento de novas empresas nesta zona.

Cómpre subliñar que a capacidade deste parque empresarial se atopa practicamente esgotada, estando nestes momentos ocupadas boa parte das parcelas destinadas a usos industriais. Así, a zona reservada ao matadoiro municipal sitúase no extremo norte do polígono e acolle tres naves edificadas na década dos anos 80, que nunca chegaron a funcionar e actualmente se manteñen en desuso.

Neste sentido, a modificación busca actualizar as determinacións normativas e gráficas do plan parcial dos Airíos para facilitar a implantación de novas actividades no parque, posibilitar a reutilización das edificacións xa existentes e establecer medidas para mellorar a integración paisaxística das mesmas na contorna.

Con este fin, o ámbito de actuación será a primeira fase do parque dos Airíos, que se corresponde co ámbito delimitado no plan parcial –que data do ano 1993 e a súa modificación puntual número 1 –aprobada en 2001 .

Tras analizar a nova proposta de modificación, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático concluíu que non cabe esperar que se produzan efectos ambientais significativos da mesma e acordou non sometelo a avaliación ambiental estratéxica (AAE) ordinaria.