A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, firmou hoxe o acordo telematicamente co alcalde de Outes, Manuel González

A Xunta asina co Concello de Outes o convenio de colaboración para executar as obras de mellora do sistema de saneamento, que suporá un investimento de máis de 325.000 euros

O Goberno galego achegará un investimento de máis de 108.000 euros para adaptar a depuradora ás necesidades dos veciños de Outes

O Concello asumirá o financiamento restante e a execución das obras para acadar a mellora do funcionamento da estación depuradora, así como a súa explotación

Os traballos, cun prazo de execución de 2 meses, consistirán na mellora completa do tratamento da auga e dos seus equipos e no acondicionamento da instalación

A Xunta presta apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas responsabilidades de saneamento e abastecemento dun xeito eficiente

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asino telematicamente co alcalde de Outes, Manuel González, o convenio de colaboración para impulsar a mellora do sistema de saneamento, que suporá un investimento conxunto de máis de 325.000 euros.

A Xunta achegará un investimento que supera 108.000 euros ás obras para adaptar a depuradora municipal ás necesidades do municipio, xa que a densidade da súa poboación urbana ve superada en máis dun 20% a súa capacidade de tratamento de augas residuais.

O Concello asumirá o financiamento restante e a execución das obras para acadar a mellora do funcionamento da estación depuradora, así como a súa explotación, conservación e mantemento.

As actuacións teñen como obxectivo recuperar o estado orixinal de funcionamento da depuradora de Outes, a través das obras necesarias para a mellora da calidade do efluente, reducir os custos de explotación e incrementar a eficiencia de funcionamento da instalación.

Os traballos contarán cun prazo de execución de 2 meses e centraranse no interior da edificación existente. Consistirán na mellora completa do tratamento da auga e dos seus equipos, ademais do acondicionamento da instalación.

O Goberno galego continúa prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas responsabilidades dun xeito eficiente.