A Xunta reforzará a vixilancia da Policía Autonómica na Praza do Campo e a súa contorna para atallar o problema dos botellóns
Hostaleiros da zona reuníronse co delegado territorial de Lugo, Javier Arias, dando comezo a unha ronda de contactos na que pedirán a implicación de todas as administracións
A Xunta de Galicia reforzará a vixilancia policial na Praza do Campo, na rúa Nova e na contorna para intentar atallar o problema dos botellóns que se veñen rexistrando nas últimas semanas. Así o trasladou o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, nunha xuntanza na que participaron representantes da Policía Autonómica, o presidente da Asociación Provincial de Empresarios Hostalería de Lugo (APEHL), Cheché Real, e varios hostaleiros da zona.
Na reunión, celebrada hoxe, os hostaleiros expresaron a súa preocupación por este fenómeno, incidindo en que a miúdo participan menores e en que non se respectan as medidas sanitarias. Con esta xuntanza iniciaron unha ronda de contactos na que pedirán a implicación de todas as administracións para evitar que esta situación se cronifique.
A Policía Autonómica controlará especialmente o cumprimento dos horarios por parte de todos os establecementos, para que ningún venda alcohol pasada a hora de peche -fixada para os bares ás 23.00 horas-; igualmente, vixiará que se respecten as medidas en vigor en canto a número de persoas participantes nas reunións, uso de máscara ou distancia social. Así mesmo, avaliará as promocións que fan algúns locais por se puideran infrinxir a normativa que regula a publicidade de bebidas alcohólicas.
Arias subliñou que ante esta situación excepcional, nunha das zonas con maior concentración de locais de hostalería da cidade, “é máis necesaria que nunca a colaboración entre institucións para, cada unha dende as súas competencias, erradicar este problema de convivencia e de saúde”. Ao respecto, sinalou que “hai que estar especialmente vixiantes ante a posibilidade de que se estea vendendo alcohol a rapaces e rapazas menores de idade”.
Terceiro plan de rescate
Durante a xuntanza, os hostaleiros interesáronse pola próxima posta en marcha do terceiro Plan de rescate para autónomos e pemes afectados pola crise da covid-19 e as condicións para acceder ás achegas.
Arias explicou que este plan finánciase con cargo a fondos finalistas do Estado, que destinou a Galicia 234 millóns de euros, apenas o 3,3% do total dos 7.000 millóns que se reparten en toda España e lonxe da contía solicitada pola Xunta.
Co obxectivo de garantir a maior axilidade posible, o Goberno galego aplicará o mesmo criterio que no primeiro e segundo plan de rescate, é dicir, os beneficiarios recibirán anticipadamente o 100% do importe coa presentación dunha declaración responsable.