A Xunta apoia con 30.600 euros actividades de animación á lectura en 35 bibliotecas municipais lucenses

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destacou que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade impulsa distintos programas de colaboración coas entidades locais para dinamizar as bibiliotecas e axencias de lectura

Lugo, 18 de xuño de 2021

Un total de 35 concellos da provincia de Lugo benefícianse das axudas da Xunta de Galicia para as actividades de dinamización da lectura e para o desenvolvemento do programa Ler conta moito nas bibliotecas e axencias de lectura integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. As achegas concedidas suman 30.600 euros.
O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, explicou que o Diario Oficial de Galicia vén de publicar a lista de beneficiarios desta orde que convoca a Consellería de Cultura, Educación e Universidade para apoiar as actividades de animación á lectura sobre a base do catálogo Ler conta moito 2021.
Este programa, que se desenvolve en colaboración coas entidades locais, ten como obxectivo contribuír á promoción da lectura como un vehículo de enriquecemento e de aproveitamento persoal, ofrecendo espazos de encontro para descubrir e compartir. Ademais de alentar a aprendizaxe, o desenvolvemento de actividades de dinamización no ámbito da biblioteca permiten reforzar o seu carácter de espazo aberto.
En canto á distribución das axudas, hai once municipios beneficiarios da Mariña -Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove-; nove da Zona Sur -Bóveda, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, O Saviñao, Sober e Taboada-; oito da Terra Chá e Meira -Castro de Rei, Guitiriz, Meira, Muras, A Pastoriza, Riotorto, Vilalba e Xermade-; e tamén os de Lugo, A Fonsagrada, Monterroso, Antas de Ulla, Sarria, Láncara e O Páramo.
Ao abeiro desta liña os concellos beneficiarios deberán programar ata o 25 de outubro un mínimo de dúas actividades polas que reciben unha achega que cubre ata o 75% dos gastos.
Como complemento a estas axudas, a Xunta ofrece tamén subvencións para o crecemento e actualización das coleccións das bibliotecas e axudas para equipamentos culturais de concellos, ademais de potenciar a biblioteca dixital Galiciana, entre outras iniciativas.