O conselleiro de Educación comproba o correcto desenvolvemento do dispositivo no Centro Integrado de FP Compostela
Román Rodríguez subliña a gran oportunidade que supón as maior oferta de educación da historia de Galicia para o reforzo das plantillas de profesorado
Destaca que os docentes “son a peza clave do sistema educativo” sobre a que se asentan as melloras acadadas na última década na educación pública galega
Garante o compromiso da Xunta co apoio a estes profesionais a través de distintas accións para afrontar os retos da educación do futuro
Canto ás oposicións, a primeira parte das probas desenvólvese a partir de hoxe e ata o vindeiro día 25 en 132 sedes repartidas por 23 localidades de toda a xeografía galega
Máis de 25.700 persoas están inscritas nestes exames, para os que se convoca o maior número de prazas da historia: 3.894
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, destacou hoxe -con motivo do inicio das probas de oposición de Educación na comunidade- que esta oferta de emprego que é “a maior da historia de Galicia feita ata o de agora” supón “unha grande oportunidade para o reforzo das plantillas do profesorado nos nosos colexios e institutos públicos”.
O titular de Educación subliñou a importancia de “contar cos mellores profesionais” para garantir a calidade e a excelencia da educación na nosa comunidade, que se reflicte en datos obxectivos como os do informe PISA. ”Unha mellora na última década que non tería producido sen o esforzo e a implicación do profesorado, que é unha peza clave do sistema”, abondou o conselleiro, quen tamén quixo recoñecer unha vez máis o labor dos docentes para garantir o normal desenvolvemento do curso escolar que agora remata nun contexto excepcional de pandemia.
Retos de futuro
Así mesmo puxo en valor o compromiso do Goberno galego co sistema público de ensino e cos seus profesionais a través das sucesivas convocatorias de estabilización de emprego, e tamén con potentes programas formativos específicos para que o profesorado estea en disposición de afrontar os novos retos de futuro, sobre todo no eido tecnolóxico, no da igualdade, a equidade a inclusión e a calidade.
Na visita ao Centro Integrado de FP Compostela, Román Rodríguez aproveitou para felicitar a tribunais e opositores polo bo funcionamento do inicio das oposicións, con 25.710 inscritos e 3.894 prazas, constitúen a convocatoria máis ampla da historia en Educación. Nunha visita ao santiagués CIFP Compostela, o representante da Xunta de Galicia puxo en valor “o esforzo feito por todos os axentes implicados para que o dispositivo deseñado funcionase á perfección desde o primeiro minuto”.
Neste sentido explicou que se leva varios días traballando arreo nos preparativos dos exames. Así mesmo, nestas últimas xornadas desde a Xunta de Galicia fíxose chegar ás 132 sedes onde se realizan as probas o material adquirido: 1.200 litros de hidroxel e 60.000 máscaras para diversas necesidades, así como 1.200 caixas de panos desinfectantes.
Román Rodríguez confiou en que estas primeiras oposicións do ensino en pandemia se desenvolverán con total normalidade e gardando as máximas garantías de seguridade sanitaria. A este respecto, lembrou que o Goberno galego elaborou un protocolo específico para estas probas, que é público desde hai semanas.
Por outra banda, destacou que a Xunta puxo sobre a mesa todas os recursos necesarios para que esta convocatoria se realizase nas mellores condicións. Para iso, habilitáronse un total de 132 sedes en 23 concellos de toda Galicia, levando as oposicións por primeira vez máis aló das sete cidades.
Así mesmo, nestas oposicións hai 368 tribunais, o que supón máis que duplicar os 163 tribunais que houbo nas do ano 2019. Deste xeito o número medio de opositores por tribunal redúcese a 70, fronte aos 109 opositores por tribunal do ano 2019.