Máis de 4.700 aspirantes participaron hoxe nas oposicións para o corpo auxiliar C2 da Xunta

A participación nos exames foi do 47%

As probas realizáronse de xeito simultáneo en Silleda e Vigo e en quendas sucesivas de mañá e tarde

Esta é a convocatoria co maior número de prazas e o segundo proceso ao que concorre un maior número de aspirantes
 

Vigo, 20 de xuño de 2021
Compartir
  • whatsapp

Un total de 4.713 persoas participaron hoxe nas oposicións para 341 prazas do corpo auxiliar C2 da Xunta de Galicia. A porcentaxe de participación nos exames que se celebraron de xeito simultáneo no recinto da Feira internacional de Silleda e no Instituto Feiral de Vigo (IFEVI), foi do 47%.

Esta é a convocatoria co maior número de prazas, e o segundo proceso ao que concorre un maior número de aspirantes despois do da agrupación profesional de persoal subalterno. Ademais, o corpo auxiliar administrativo é un dos máis numerosos da Administración autonómica, pois na actualidade, máis de 3.000 profesionais ocupan prazas nesta categoría.

Os exames desenvolvéronse con todas as garantías sanitarias logo de que as autoridades sanitarias autorizaran a súa celebración seguindo protocolos de actuación que garanten a súa realización con seguridade e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

Entre as 28 e 48 horas posteriores á realización deste exercicio, a Dirección Xeral da Función Pública poñerá a disposición dos participantes un certificado de asistencia que se poderá obter no portal web corporativo https://www.xunta.gal/funcion-publica.

Operativo de seguridade

Un operativo formado por 244 persoas controlou que o proceso selectivo se desenvolvese de xeito correcto e con total seguridade. Tanto o recinto de Silleda coma o de Vigo dispoñían dunha ambulancia habilitada pola Xunta para atender calquera incidencia que se puidese producir durante a realización das probas.
 

Imaxes relacionadas