Luis López destaca os "lazos indestrutibles e eternos" entre Galicia e Arxentina na homenaxe a Raúl Alfonsín en Ribadumia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra asiste á recepción ao embaixador arxentino, Ricardo Alfonsín, e á ofrenda floral ao ex presidente neste municipio do Salnés

Ribadumia, 29 de xuño de 2021

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, destacou hoxe a existencia de "lazos indestrutibles e eternos" entre Galicia e Arxentina durante os actos de lembranza ao ex presidente do país americano, Raúl Alfonsín, celebrados no municipio de Ribadumia.
O representante autonómico asistiu inicialmente ao acto de recepción oficial ao embaixador arxentino en España, Ricardo Luis Alfonsín, e posteriormente participou na ofrenda floral a Raúl Alfonsín no busto na súa honra emprazado neste municipio do Salnés.
"Arxentina é a nosa quinta provincia e a capital da galeguidade no exterior e por iso nos unen uns vínculos e uns sentimentos que son para sempre", sinalou o delegado territorial, que lembrou que milleiros de arxentinos teñen as súas raíces en Galicia, como é o caso de Raúl Alfonsín, cuxa familia é orixinaria da aldea de Casaldarnos, no municipio de Ribadumia.
"A Xunta de Galicia sempre estará presente nos actos vencellados aos países e lugares do mundo cos que temos sentimentos especiais e Arxentina ocupa un lugar preferente nese espazo das emocións dos galegos e galegas", significou Luis López.

Imaxes relacionadas