Galicia reivindica en Bruxelas o importante papel do Xacobeo 21-22 na construción da identidade europea

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou a Galicia no 145º pleno do Comité Europeo das Rexións, no que avogou por reforzar a cooperación transfronteiriza a través dun maior apoio financeiro ás eurorrexións

Galicia mostra o seu respaldo ao autobús como transporte colectivo enerxeticamente eficiente e pide unha maior implicación local e rexional nas cuestións climática e enerxética, así como no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

A comunidade galega aposta polo enfoque de xénero á hora de establecer as medidas e os mecanismos de seguimento das empresas da economía social

Bruxelas, 1 de xullo de 2021
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou a Galicia no 145º pleno do Comité Europeo das Rexións que rematou hoxe e tivo ocasión de debater co vicepresidente da Comisión para a Promoción do Modo de Vida Europeo, Margaritis Schinas, sobre A promoción dos valores europeos a través da cultura e da educación. Neste ámbito, o director xeral reivindicou o papel do Xacobeo 21-22 e do Camiño de Santiago, como elementos fundamentais para a transmisión dos valores culturais europeos e para a construción da identidade europea actual.
Como xa anunciara a pasada semana durante o peche do proxecto transfronteirizo Eurocidade 2020, o director xeral tomou a palabra, tamén, con motivo da aprobación da resolución “Unha visión para Europa: o futuro da cooperación transfronteiriza”, para poñer en valor a “fundamental contribución das eurorrexións á integración europea” e para pedir á Comisión e aos Estados membros que se reforce o papel destes entes a través dun maior apoio financeiro.

Ao longo das dúas xornadas que compuxeron o pleno, presentáronse varios ditames en clave de transición climática e enerxética para a súa aprobación, como os ditames Estratexia de mobilidade sostible e intelixente, Cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de aquí ao 2030 e Intensificar a ambición climática de Europa para o 2030: camiño á COP26.

Das 22 emendas presentadas por Galicia, varias ían destinadas a estas cuestións, co obxectivo de, por unha banda, garantir o acceso das rexións aos fondos europeos para a transición en materia de mobilidade e de mostrar o seu respaldo ao autobús como transporte enerxéticamente eficiente; e, por outra banda, pedir unha maior implicación dos entes rexionais sobre as cuestións climática e enerxética e na identificación das áreas de actuación para dar cumprimento aos ODS. Neste sentido, a comunidade galega fixo especial fincapé na especial contribución que os sectores agrícola, forestal e da construción poden facer para mitigar o cambio climático.

Ademais, en relación ao ditame Plan de acción para a economía social, Galicia avogou pola necesidade de ter en conta a perspectiva de xénero nas medidas propostas, nos mecanismos de seguimento previstos, nas posibilidades de acceso ao financiamento e na garantía dunha composición equilibrada por razón de xénero nos órganos de goberno das empresas dedicadas a esta materia.

Outros debates que tiveron lugar, neste primeiro pleno en formato semipresencial dende que comezou a pandemia, contaron coa participación de varios vicepresidentes da Comisión Europea, como o debate sobre o programa de traballo da Comisión para 2022 co vicepresidente responsable de Relacións Interinstitucionais e Prospectiva, Maroš Šefcovic; ou o debate sobre o Plan de acción para a democracia europea coa vicepresidenta responsable de Valores y Transparencia, Vera Jourová.

O Comité Europeo das Rexións

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega nesta asemblea.

Imaxes relacionadas