A Xunta impulsa a rehabilitación de cinco inmobles concedendo 1,2 M€ en préstamos sen xuros a tres concellos lucenses

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que grazas ao Fondo de Cooperación se reforman edificios para servizos públicos en Barreiros, Outeiro de Rei e Mondoñedo

O programa está dirixido a municipios de menos de 50.000 habitantes e o prazo de solicitudes permanece aberto ata o 1 de outubro
 

Barreiros (Lugo), 15 de xullo de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda impulsa na provincia de Lugo a rehabilitación de cinco edificios que acollerán distintos servizos públicos en Barreiros, Outeiro de Rei e Mondoñedo, grazas á concesión de préstamos sen xuros por importe global de 1,2 millóns de euros, a través do Fondo de Cooperación.

Así o explicou hoxe o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, durante unha visita a Barreiros, onde se reformarán o teleclub e as antigas escolas de San Cosme. No primeiro caso concedéronse 513.200 euros de financiamento para remodelar as instalacións, que acollerán proxectos de dinamización económica e social; así mesmo, destínanse 200.600 euros ás escolas, para albergar un arquivo e outras dependencias administrativas e sociais.

Arias lembrou que desde xuño está aberta unha nova convocatoria deste Fondo de cooperación para apoiar o financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, e o prazo para presentar solicitudes remata o 1 de outubro.

O programa, que xestiona o Instituto Galego de Vivenda e Solo, reserva nesta edición case 4,5 millóns de euros para permitir aos concellos recuperar e definir novos usos en inmobles que están infrautilizados.
 

Arias invitou aos concellos lucenses a presentar os seus proxectos e beneficiarse destes préstamos sen xuros, que deberán devolver á Administración galega nun prazo máximo de oito anos. Recordou que os incentivos serven tanto para levar a cabo actuacións de rehabilitación como para adquirir os inmobles para a súa posterior recuperación.

Imaxes relacionadas