A Xunta inicia os trámites para excluír da expropiación 11 vivendas existentes no ámbito da ampliación de San Paio de Navia

Trátase de inmobles que se poden conservar por ser compatibles coa nova ordenación

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia iniciou os trámites para a exclusión de determinados bens e dereitos do proxecto de expropiación dos terreos necesarios para a ampliación do solo residencial de San Paio de Navia, en Vigo.

Un total de 11 fincas son susceptibles de ser excluídas da expropiación por existir nelas vivendas construídas que o proxecto urbanístico recolle como compatibles coa nova ordenación, polo que se poden manter dentro da ampliación do ámbito.

Unha vez iniciados os trámites, a Xunta proporá a cada propietario un convenio no que se establezan as condicións da exclusión, que supón manter a vivenda construída pero adaptar as parcelas ao previsto no proxecto, de maneira que parte do solo será expropiado. O convenio establecerá tamén o valor do solo a expropiar e a cota de urbanización que lle corresponderá pagar a cada propietario.

As vivendas excluídas da expropiación serán aquelas cuxos propietarios acepten o convenio proposto polo Instituto Galego da Vivenda e Solo en aplicación da normativa vixente.