Feijóo avanza a aprobación dun teito de gasto non financeiro para 2022 de 11.571 millóns para seguir reactivando a economía e cun especial apoio ás familias e aos sectores máis afectados

Subliña que a Xunta opta por un cadro macroeconómico prudente e realista, estimando un crecemento do PIB galego do 5,5% para este ano 2021; e do 6% para 2022

Galicia contará o vindeiro ano cuns recursos ordinarios moi superiores ao do presente exercicio, que chegarán aos 10.675 M€

A Comunidade disporá, ademais, de partidas extraordinarias: 417 M€ vinculados ao mecanismo de recuperación e resiliencia; 267 M€ da segunda anualidade do REACT-UE; e 211 millóns do IVE correspondente a 2017 que retivo o Goberno central e que se recuperou nos tribunais
 

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2021
Compartir
  • whatsapp

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a aprobación dun teito de gasto non financeiro para 2022 de 11.571 millóns de euros, oito millóns de euros máis respecto ao actual, para seguir reactivando a economía e o emprego, e cun especial apoio ás familias e aos sectores máis afectados pola pandemia.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo subliñou que a Comunidade mantén a súa capacidade máxima de gasto grazas a que o vindeiro ano, Galicia recibirá a mensualidade do IVE correspondente a 2017 que retivo o Goberno central e que se recuperou nos tribunais.

“Con estes 211 millóns de euros da débeda finalmente cobrada chegamos a un teito de gasto de 11.571 millóns para seguir traballando para superar a pandemia e, por suposto, para reactivar a economía, o emprego, o PIB e o benestar dos cidadáns”, aseverou, referíndose tamén á actualización do cadro macroeconómico.

Sobre este punto, subliñou que o máis destacable é que o Goberno galego opta por un cadro prudente e realista, estimando un crecemento do PIB galego do 5,5% para este ano 2021; e do 6% para 2022. Feijóo salientou que Galicia acadará o nivel de riqueza preCovid cara a mediados de 2022, antes que a media estatal.

Así mesmo, destacou unha creación sostida do emprego, cunha estimación dunha taxa de paro do 12,7% para este 2021 e unha baixada ao 12,1% en 2022.

Galicia contará o vindeiro ano cuns recursos ordinarios moi superiores ao do presente exercicio, que chegarán aos 10.675 millóns de euros, ademais de dispor de partidas extraordinarias: 417 millóns vinculados ao mecanismo de recuperación e resiliencia; 267 millóns da segunda anualidade do REACT-UE; e os xa citados 211 millóns do IVE.

No tocante ao déficit, o presidente da Xunta aseverou que “Galicia vai cumprir as recomendacións do Goberno central e o déficit da Comunidade estará no 0,6% para o orzamento do ano 2022”.

“En resumo, volvemos cumprir os nosos compromisos cunha facenda saneada e solvente, seguiremos a senda de diminución de déficit público que esixe a Unión Europa e a Xunta volve a cumprir aprobando un teito de gasto en 24 horas unha vez comunicado e en horas remitido ao Parlamento de Galicia”, incidiu Feijóo, quen engadiu que se trata dun “teito de gasto prudente e realista”.

Para finalizar, recordou que a Xunta enviará este límite de gasto ao Parlamento para a súa autorización, co obxectivo de aprobar o proxecto de Orzamentos no Consello antes do 20 de outubro, tal como marca a normativa autonómica.

Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, recalcou que se trata dun teito de gasto prudente, realista e rigoroso que ten como prioridades superar a pandemia en termos sanitarios, continuar reactivando a economía e o emprego, e garantir a protección das familias e dos sectores máis afectados.

Ademais, puxo en valor a dilixencia do Executivo autonómico para a aprobación deste teito de gasto, en tempo e forma, horas despois da reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira, no que a Xunta recibiu a información esencial para a súa elaboración. Neste sentido apuntou que “grazas á estabilidade política e institucional que temos, podemos garantir que Galicia terá un ano máis, en 2022, orzamento”.
 

Imaxes relacionadas