A Xunta e o Concello de Rodeiro asinan un protocolo de colaboración para a reforma do centro de saúde

O investimento deste proxecto de mellora ascende a 86.052 euros, partida económica que será cofinanciada a partes iguais pola Xunta e o concello

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Rodeiro, Rubén Quintá, veñen de asinar un acordo bilateral no que se establecen as bases para o financiamento das obras de reforma do centro de saúde da localidade. No acto, estiveron acompañados pola directora Xeral de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro, e pola xerente da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez.

O investimento deste proxecto de mellora ascende a 86.052 euros, partida económica que será cofinanciada a partes iguais pola Xunta e o concello. O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste xeito, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Rodeiro contarán a partir do ano que vén cun centro de saúde mellor e máis confortable.

As obras, logo do informe dos técnicos do Sergas que visitaron o centro o pasado mes de maio, consistirán na realización do acondicionamento do almacén existente no baixo andar do edificio posterior para o uso de consulta de pediatría coa súa sala de espera diferenciada. Para iso, eliminarase a porta existente e colocarase unha cristaleira que permita dotar de iluminación natural tanto a nova sala de espera como a consulta. Realizarase a apertura dunha porta de comunicación entre a nova sala de pediatría e o corredor a altura da zona de aseos.

Na actualidade, a consulta de pediatría está situada no andar alto do edificio principal, polo tanto non é accesible para subir os carriños de bebé e as escaleiras tampouco son axeitadas debido a antigüidade do edificio principal, e a que non dispón de ascensor. Este primeiro andar do edificio quedaría, trala obra, como sala de descanso, aseo e vestiarios do persoal.

A reforma resolverá tamén os problemas de accesibilidade que presenta o centro actualmente, pois as ambulancias non teñen posibilidade de acceso ao centro debido o tamaño do portal e ao desnivel existente entre a beirarrúa e a parcela. Para solucionalo, executarase unha modificación do acceso principal para eliminar o desnivel coa beirarrúa e dotalo de máis anchura para facilitar un acceso cómodo das ambulancias. Tamén se formula a ampliación da marquesiña existente de policarbonato nunha lonxitude dun metro, co obxecto de que serva como elemento de protección da chuvia.

Para solucionar os problemas de filtracións de auga á altura da zona de recepción, mellorarase construtivamente a cuberta plana cun sistema de impermeabilización axeitado. Na zona da cuberta do edificio situado na parte posterior, substituiranse as tellas mediante a execución dunha cuberta de panel sándwich e a substitución dos canles de PVC por outros de aluminio dobre illado. Realizarase ademais un pintado interior de todo o centro de saúde, previa limpeza e saneamento das zonas afectadas pola humidade.

Por último, substituirase a carpintería do edificio principal por unha nova con dobre acrisolamento e rotura de ponte térmica na que se procederá á colocación de estores enrollables de tecido tipo screen e repararase toda a instalación eléctrica.

Renovación de infraestruturas de atención primaria

A sinatura deste convenio significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas da atención primaria que hai na nosa comunidade. Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 87 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre 74.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as sete obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 115 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Pontevedra, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde en Cotobade (Tenorio), Pontevedra (A Parda), Sanxenxo (Vilalonga), Marín, Tui, Oia, Gondomar, Salceda de Caselas ou Nigrán (Panxón) e importantes reformas na Illa de Arousa, Vilaboa, Valga, Vilanova de Arousa, Pazos de Borbén, Crecente, Cuntis, Cambados, Covelo ou Mondariz-Balneario. Nesta lexislatura vense de poñer en marcha o centros de saúde de A Estrada, e de asinar o protocolo para iniciar a construción dun novo centro de saúde en Soutomaior. Ademais, están xa en obras o novo CIS de Lalín e o novo centro de saúde de Bouzas (Vigo), así como adxudicadas as obras de reforma do centro de saúde do Porriño e o proxecto do novo centro de saúde de Moaña.

Esta lexislatura comezou co compromiso da Xunta de completar unha renovación integral do Sergas. En consecuencia, os orzamentos para 2021, os primeiros desta lexislatura, contemplan un incremento do 108% no capítulo de investimentos para atención primaria, pasando de 26 millóns en 2020 a 55 millóns de euros neste ano 2021.

Engadido a todo o anterior, a Xunta ten intención de continuar esa renovación integral da Atención Primaria con dúas iniciativas. Por un lado, un Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, no que definiranse as actuacións prioritarias para o Sergas, e, por outro, unha reforma organizativa deste nivel asistencial, que aposte por un modelo máis resolutivo e máis multidisciplinar, para o que Sanidade está a traballar no Consello Técnico de Atención Primaria con todos os colectivos, e para o que creouse unha Dirección Xeral de Reforma Sanitaria que pilote o proceso.

Para todo isto, é fundamental actuar tamén nos centros de saúde que aínda seguen a ser de titularidade municipal. Existe un Pacto Local para ir asumindo progresivamente desde a Xunta estes centros. Desde 2009 xa se asumiron máis de 90 e, aínda que o proceso é lento, hai que destacar que, desde 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local, inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde do grupo 1, que son aqueles coma este cuxo edificio está dedicado integramente ao fin sanitario.

Así, nos orzamentos da Xunta de 2021 prevese a reserva de 2,23 millóns de euros do Fondo de Cooperación Local aos concellos de menos de cincuenta mil habitantes que teñen que asumir os gastos de funcionamento dos centros de saúde da súa titularidade.

Polo tanto, a Xunta colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros e colabora tamén cando, como neste caso, hai que facer reformas importantes.

Imaxes relacionadas