O 90% das prazas de novo ingreso da oferta de emprego de educación foron adxudicadas nas oposicións
Os 373 tribunais consideraron aptos un total de 2027 aspirantes, deixando totalmente cubertas as prazas convocadas en 59 especialidades
Só en nove especialidades moi concretas quedaron máis do 50% das prazas sen cubrir
Ás probas concorreron 16.772 persoas, o 66,7% dos inscritos
A Xunta ten xa aprobada a OPE de educación que se executará en 2022, con 1604 prazas (1372 delas de novo ingreso)
A Consellería valora moi positivamente o éxito co que se desenvolveu o proceso, o máis amplo en educación e no contexto dunha pandemia
O 90% das 2276 prazas de novo ingreso convocadas na oferta de emprego público de educación foron adxudicadas nas oposicións que se veñen de celebrar. Así, os 373 tribunais responsables de deseñar e aplicar as probas e de valorar os aspirantes consideraron aptos para obter praza a 2027 aspirantes.
Deste xeito, as prazas quedaron completamente cubertas en 59 especialidades (un total de 1453 prazas). Noutras sete especialidades cubríronse o 90% ou máis das prazas convocadas (222 prazas adxudicadas sobre un total de 238). Os datos resumidos poden consultarse na seguinte táboa:
Porcentaxe de prazas cubertas | Número de especialidades | Prazas cubertas | Prazas convocadas |
100% | 59 | 1453 | 1453 |
90% ou máis | 7 | 222 | 238 |
70% ou máis | 11 | 153 | 190 |
50% ou máis | 9 | 123 | 209 |
Menos do 50% | 9 | 76 | 186 |
95 | 2027 | 2276 |
Só en nove especialidades moi concretas quedaron sen cubrir máis da metade das prazas. Trátase, no corpo de profesores técnicos de Formación Profesional, das especialidades de Estética, Operacións e equipos de elaboración de produtos alimentarios, Mecanizado e mantemento de máquinas, Fabricación e instalación de carpintería e moble, Sistemas e aplicacións informáticas e Instalacións e mantemento de equipos térmicos e de fluídos; e no corpo de profesores de ensino secundario as especialidades de Procesos e produtos en madeira e moble, Organización e proxectos sistemas enerxéticos e Navegación e instalacións mariñas.
En calquera caso, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade garante a presenza do profesorado necesario aos centros educativos mediante o habitual sistema de interinos e substitutos. Cómpre sinalar tamén a utilidade do proceso de oposicións de educación para estabilizar este tipo de persoal. Non en balde, dos interinos e substitutos presentados obtiveron praza o 68,13%.
Preto de 17.000 participantes
Nas oposicións de educación participaron finalmente un total de 16.772 persoas, o 66,7% dos inscritos. Deles, 1381 eran interinos ou substitutos. A Consellería valora moi positivamente o éxito co que se desenvolveu o proceso, o máis amplo en educación e no contexto dunha pandemia.
Dos que obtiveron praza, o 29,5% foron homes e o 70,5% foron mulleres. Por idade, o 2,4% teñen entre 20 e 25 anos, o 21,8% entre 25 e 30 anos, o 21,2% entre 30 e 35 anos, o 17,7% entre 35 e 40 anos e o 36,6% entre 40 e 65 anos.
Novos procesos
A Xunta de Galicia ten xa aprobada a OPE de educación que se executará en 2022, con 1604 prazas (1372 delas de novo ingreso). En concreto, a próxima oferta de emprego público da Consellería de Cultura, Educación e Universidade contará coa seguinte distribución de prazas:
Novo ingreso | Promoción interna | Total | |
Mestres | 652 | 652 | |
Profesores de ensino secundario | 692 | 230 | 922 |
Profesores de Escolas Oficiais de Idiomas (EOI) | 20 | 20 | |
Profesores de artes plásticas e deseño | 8 | 2 | 10 |
TOTAIS | 1.372 | 232 | 1.604 |
Deste xeito, elévase a 10.655 o número de prazas convocadas polo Goberno galego no eido educativo nos últimos cinco anos (2017-2021), reafirmando o compromiso da Xunta coa calidade do ensino, promovendo as mellores condicións para o seu piar fundamental, o profesorado. Non en balde, a finalidade última é avanzar na estabilización dos docentes, a pesares da redución do alumnado pola caída da natalidade.