O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade visita o colexio CEIP de Seara, en Moaña, onde se vai acometer unha rehabilitación integral por case 1M€

A Xunta inviste este ano 3,3M€ en melloras en centros escolares da comarca do Morrazo

A actuación de Moaña enmárcase nun paquete de catro proxectos que se están a licitar na comarca, por importe de máis de 1,7M€

Ademais, este verán estanse acometendo na zona 21 obras, cun orzamento de máis de 1,5M€
 

Moaña (Pontevedra)

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou hoxe o colexio CEIP de Seara, en Moaña, onde salientou un investimento de 3,3M€ este ano en melloras nos centros educativos da comarca do Morrazo. Entre este paquete de 25 actuacións, o representante da Xunta destacou a do colexio moañés, que cun orzamento próximo a 1M€ ten como obxectivo principal a mellora da eficiencia enerxética do colexio.

O conselleiro explicou que a rehabilitación integral do CEIP Seara se enmarca no paquete de catro proxectos que se están a licitar na comarca, por importe de máis de 1,7M€. En total en Galicia estanse comprometendo antes de fin de ano 84 obras, cun orzamento de case 40M€.

Por outra banda, Román Rodríguez lembrou que a Consellería “non parou este verán, dado que estamos sacando adiante 557 obras de reforma en centros de toda Galicia, cun investimento de 30M€, co obxectivo de renovar as instalacións dos colexios e institutos de cara o curso que está a piques de comezar”. Delas, explicou, 21 obras estanse acometendo na comarca do Morrazo, cun orzamento de máis de 1,5M€.

Mellora da eficiencia enerxética

Cun orzamento de case 1M€, a obra de rehabilitación integral contempla a instalación de sistema de illamento térmico polo exterior (SATE), así como a substitución da carpintería exterior por carpintería de alumino con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, incluíndo a instalación de novas persianas. Así mesmo, mudaranse as luminarias por unhas novas de tipo LED. Todas estas actuacións teñen como obxectivo acadar unha maior eficiencia enerxética do centro.

A maiores, o proxecto inclúe a renovación das carpinterías interiores e a motorización das fiestras inaccesibles manualmente, o cambio de cabinas de aseo e o pintado de paramentos interiores, entre outros traballos.

Imaxes relacionadas