A conselleira de Política Social reuniuse esta mañá coas asociacións que forman parte do Programa de Protección Internacional

Fabiola García pon á disposición das entidades sociais que están a acoller refuxiados de Afganistán o apoio da Xunta de Galicia

O Goberno galego axudaralle en todo o que sexa posible, dentro da súas competencias, como na provisión de recursos básicos, na escolarización das nenas e nenos, no acceso á sanidade ou na inclusión de programas sociais para unha integración plena

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Política Social, Fabiola García, puxo á disposición das entidades sociais que están a acoller refuxiados de Afganistán en Galicia todo o apoio da Xunta no proceso de integración destas persoas que están a fuxir da inestabilidade do seu país. Na mañá de hoxe mantivo un encontro con representantes de Cruz Vermella, Diversidade, Ecos do Sur, Accem, Provivienda, Diaconía e Movemento pola Paz, o Desarme e a Liberdade (MPDL), as sete entidades que en Galicia forman parte do Programa de Protección Internacional.

Fabiola García explicou que este se trata dun encontro coas asociacións, coas que xa se mantén unha comunicación estreita e continua, que cumpre un dobre obxectivo: coñecer de primeira man a situación de todos os refuxiados que chegaron nas últimas semanas e trasladarlles as entidades a vontade do Goberno galego por achegarlles todas as facilidades.

A conselleira de Política social sinalou que a Administración autonómica axudaralle en todo o que sexa posible, dentro das súas competencias, como na provisión de recursos básicos, na escolarización das nenas e nenos, no acceso á sanidade ou na inclusión de programas sociais para unha integración plena.

Neste sentido, Fabiola García subliñou que o Goberno galego “non escatimará en esforzos e fará todo o posible para apoialos en todo o que sexa necesario para que en Galicia encontren a estabilidade que non tiveron no seu país de orixe”.

Imaxes relacionadas