A Xunta apoia ao piloto lucense Alonso Liste, que representará a España no campionato internacional Fia Hill Climb Masters

Presentou o coche no CIFP As Mercedes, onde realizaron a súa posta a punto grazas ao equipamento punteiro do que dispoñen no ciclo superior de Automoción

Tamén recibe unha achega da Secretaría Xeral para o Deporte para participar neste rally de montaña, que convoca aos mellores deportistas da categoría
 

Lugo, 30 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia apoia ao piloto lucense José Antonio Alonso Liste, que representará a España na FIA Hill Climb Masters, un rally de montaña que reúne aos mellores deportistas internacionais da categoría. Hoxe presentou no CIFP As Mercedes o coche co que participará, nun acto no que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o director do centro, Joaquín Expósito, entre outros.

Liste foi designado pola Federación Española de Automovilismo para participar nesta proba, que organiza a Federación Internacional e terá lugar en Braga entre os días 8 e 10 de outubro. A súa elección é froito dos éxitos alcanzados durante a tempada co seu vehículo, un Ginetta G5 que puxeron a punto no CIFP As Mercedes aproveitando o equipamento punteiro do que dispoñen no Ciclo Superior de Automoción.

Os alumnos da especialidade participaron nos labores de repaso da mecánica e repintado e montaxe da carrocería de fibra de vidro. O instituto conta cos máis modernos sistemas de alineado de dirección e suspensión, entre outras dotacións.

O piloto tamén recibe unha achega da Secretaría Xeral para o Deporte para afrontar os custos derivados da súa participación na proba.

Esta será a cuarta edición da FIA Hill Climb Masters e convoca aos pilotos a completar a coñecida Rampa da Falperra, a proba automovilística máis antiga de Portugal; suma 5,2 quilómetros de subida, cun desnivel duns 272 metros e unha pendente media do 5%.

Imaxes relacionadas